O pleno do Concello de Vigo aprobou este mércores unha moción proposta polo grupo municipal socialista instando o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a reducir as listas de espera da pacientes da área sanitaria olívica.
Así, cos votos a favor de PSOE, PP e Marea de Vigo e coa abstención do BNG, o pleno solicitou ao Goberno autonómico a posta en marcha dun “plan de choque” para reducir as listas de espera sanitarias.
Neste sentido, o concelleiro socialista Carlos López Font lamentou que moitas das máis de 12.000 persoas que na actualidade están en lista de espera para ser operadas en Vigo “non chegarán a ser operadas”.
Ademais, asegurou que ditas listas de espera están a falsearse e pediu “transparencia”. Pola súa banda, os ‘populares’ apoiaron esta moción, mostrándose “absolutamente de acordo” na importancia que ten reducir as listas de espera a través dun plan de choque.
Con todo, Teresa Egerique puxo en valor que na actualidade o tempo medio de espera para primeiras consultas en Galicia é de 56 días, por baixo dos 65 días que había en 2008, cando o PSOE gobernaba na Xunta.
Tamén dixo que esta cifra, segundo datos do Ministerio de Sanidade, sitúa a Galicia por baixo da media nacional (89 días) e colócaa como a terceira comunidade con menos lista de espera, ademais de ser un dato inferior á espera que se realiza noutras comunidades onde goberna o PSOE.
Oriana Méndez, de Marea de Vigo, lamentou a existencia de máis de 12.000 pacientes en Vigo á espera de ser operados e criticou a “precariedade” e a “inestabilidade laboral” que viven os sanitarios na Comunidade, polo que moitos, segundo dixo, deciden mudarse a outros lugares a traballar.
Desde o BNG, Xabier Pérez Igrexas presentou unha emenda para que a Xunta incremente os recursos sanitarios e vaian destinados á sanidade pública e non a concertos con entidades privadas. Ao ser rexeitada, o concelleiro abstívose na votación.
APARCADOIRO DO ÁLVARO CUNQUEIRO
No pleno deste mércores tamén se trataron outros temas recorrentes da política viguesa como a situación de “abandono” das pistas municipais de atletismo de Balaídos a través dunha moción do BNG ou a petición de gratuidade do aparcadoiro do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, inaugurado xa fai máis de sete anos.
Carlos López Font tamén foi o encargado de debater esta moción do PSOE, quen lamentou as tarifas “altas e abusivas” do parking do hospital, criticando que a pesar de que baixaron, estas seguen sendo pagas con fondos públicos á concesionaria do estacionamento.
Na mesma liña falaron desde o BNG, solicitando máis transporte público para chegar ao Cunqueiro. Desde Marea de Vigo, Rubén Pérez recoñeceu que sabe que o parking nunca será gratuíto porque iso suporía que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) tería que pagar máis á concesionaria do hospital.
Teresa Egerique, do PP, subliñou que se dependese do PSOE, de Marea de Vigo e do BNG, Vigo non tería un novo hospital e lembrou que na construción do Álvaro Cunqueiro o Concello de Vigo non puxo a disposición do Sergas nin un metro de terreo “a diferenza doutros municipios de toda España”.