InicioPolíticaCaballero mantén que a Xunta "ataca Vigo" ao oporse ao estudo sobre...

Caballero mantén que a Xunta “ataca Vigo” ao oporse ao estudo sobre o abastecemento de auga

A Xunta ve “incoherencias” e “erros importantes” nesa investigación.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu este martes a criticar á Xunta de Galicia, asegurando que o Goberno autonómico “segue atacando a cidade” ao opoñerse ao estudo sobre o abastecemento de auga da urbe e o sur da provincia de Pontevedra.

Durante a súa rolda de prensa diaria, o rexedor olívico asegurou que tras a saída de Alberto Núñez Feijóo da presidencia da Xunta “nada cambiou”. Así, explicou que hai ano e medio a Xunta, o Concello e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico encargaron un estudo para buscar alternativas que garantisen o abastecemento de auga á cidade.

“Con todo, a Xunta di que non quere o estudo, critícao, di que non lle vale e pide unha revisión”, lamentou Caballero, indicando que esta posición do Executivo galego é unha “oposición total” á cidade.

Todo iso despois de que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade remitise unha carta ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán Fernández, para trasladar a “inquietude e a preocupación” da Xunta sobre os resultados do devandito traballo, que foi enviado o pasado 8 de abril pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Neste documento, co obxectivo de garantir o abastecemento de auga, recóllense un conxunto de actuacións complementarias a realizar, entre as que se atopan unha captación de auga na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo; unha pequena presa augas arriba do encoro de Eiras, na canle do Oitavén; unha impulsión de auga desde o Miño ao encoro de Zamáns; e unha condución por gravidade para conectar as redes de Nigrán e Gondomar.

Na carta enviada pola Xunta ao Ministerio, explícase que os técnicos de Augas de Galicia conclúen que o bombeo na confluencia dos ríos Verdugo e Oitavén é “prescindible”, “sobre todo tendo en conta que se podería conseguir unha achega equivalente, e mesmo maior, dun modo moito máis sustentable fomentando a reutilización da auga depurada para algúns usos ou evitando perdas na rede de abastecemento”.

“A confusión e a inquietude chega cando observamos incoherencias no propio documento, que certamente son moi relevantes. Non se pode entender nin comprender, tras acreditar ao longo do documento a ineficacia do transvasamento do río Verdugo e Oitavén, e tras advertilo desde Augas de Galicia, que se orcen estas obras como actuacións a realizar. Este exemplo lévanos á conclusión de que o documento contén erros importantes”, lamenta o Goberno galego.

ÚLTIMAS

‘Quero ser investigadora’, historias de mulleres investigadoras que triunfan na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo afianza o seu compromiso coa divulgación científica e co fomento...

Falece un tripulante ao caer ao mar tras chocar a súa embarcación contra as bateas en Redondela

Un tripulante dunha embarcación de recreo que navegaba pola ría de Vigo na zona...

O PP de Vigo levará ao pleno a imputación da concelleira de Seguridade polo accidente do Saltamontes

A presidenta do PP e portavoz do grupo municipal 'popular' de Vigo, Luisa Sánchez,...

Un ferido tras envorcar co seu coche na avenida Arquitecto Antonio Palacios en Vigo

Unha persoa resultou ferida na tarde deste luns en Vigo tras envorcar o seu...