InicioSociedadeO alcalde de Vigo esixe "explicacións" a Rueda polo "escándalo" do concerto...

O alcalde de Vigo esixe “explicacións” a Rueda polo “escándalo” do concerto de Muse

O alcalde de Vigo tamén lle esixe a Rueda que dea explicacións por "implicar" ao Celta.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, esixiu este venres “explicacións” ao vicepresidente da Xunta (e futuro xefe do Executivo autonómico), Alfonso Rueda, polo “escándalo” do concerto frustrado de Muse na cidade, e por implicar “” ao Real Club Celta nunha estratexia de “calumnias” e “mentiras” contra a cidade.

Así o manifestou nunha rolda de prensa na que volveu a denunciar as “mentiras” da delegada da Xunta, Marta Férnandez-Tapias, sobre o concerto de Muse que, segundo o goberno galego, non poderá realizarse no estadio municipal de Balaídos no marco da programación do Xacobeo 21-22 pola negativa do Concello a ceder ese espazo.

Caballero volveu a repetir que o Concello non recibiu solicitude algunha nin da Xunta, nin do Xacobeo nin de ningunha promotora, senón unha carta do Real Club Celta para pedir autorización para concertos e eventos con motivo do seu centenario (carta que a Xunta desvelou e vinculou á posible actuación de Muse). “E agora o Celta nega coñecer isto. A Xunta mente para xustificar que se queren levar ese concerto a outra cidade”, criticou o rexedor.

Por todo iso, esixiu unha resposta directa de Alfonso Rueda, como responsable do Xacobeo, e dado que “o que diga a delegada xa dá igual” porque “non é crible“. Así mesmo, preguntou por que a Xunta tivo acceso á carta que o Celta enviou ao Concello e con que propósito fixérona pública.

RESPOSTA DA XUNTA

A Administración autonómica sinalou que hai unha declaración de intencións do 21 de marzo, asinada coa promotora Zircocine, para celebrar o concerto de Muse, coa cidade de Vigo como primeira opción. Tamén lembrou que, xa antes de que se fixesen públicos eses contactos e se coñeces o nome do grupo, o alcalde afirmou que non cedería o estadio debido ás obras de remodelación, nin tampouco o auditorio municipal de Castrelos, para ningún evento do Xacobeo.

A delegada territorial da Xunta e Vigo, Marta Fernández-Tapias, reiterou este venres que Abel Caballero é quen “mente” porque “nunca quixo concertos do Xacobeo” na cidade e desta maneira “volve prexudicar os vigueses”.

“O alcalde non quería ningún concerto do Xacobeo en Vigo e dálle igual que sexa unha das grandes actuacións musicais que se poden gozar hoxe en día en todo o mundo. Díxoo en reiteradas ocasións e rexeitou de forma sistemática todas as propostas da Xunta para celebrar o ano Xacobeo“, lamentou.

Fernández-Tapias engadiu que ante os anuncios públicos de que o Goberno autonómico estaba a negociar un concerto “importante” para Vigo, Caballero reaccionou en contra, negando unha e outra vez “calquera opción en Balaídos ou Castrelos”.

“Ao final, cando viu o que lle viña enriba coa cancelación, deulle a volta a unha simple formalidade”, criticou a delegada territorial, indicando que o peor é que son os vigueses os que saen perdendo.

“Gustaríame aclarar que non somos todos iguais. Nós tentamos propor, ofrecer alternativas, realizamos investimentos e Abel Caballero é o que mente e provoca confrontación”, subliñou, destacado que ela “nunca mentiu” e demostrou con documentos o acordo coa promotora de Muse, onde se recollía que a preferencia era que o grupo actuase en Balaídos.

“A oposición sistemática do alcalde a todo o que teña que ver coa Xunta complica calquera iniciativa da administración galega en Vigo. Sentimos que así sexa, pero vémonos na obriga de transmitir de novo que non buscamos este conflito, queriamos ese gran concerto para Vigo”, sentenciou.

ÚLTIMAS

Foanpas protesta pola “falta de limpeza” nos colexios e piden máis persoal á concesionaria municipal

A Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas) protestou...

Vigo licitará un informe que permita coñecer se hai zonas con aluguer tensionado

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello licitará un estudo para...

Dous anos de cárcere por facer tocamentos a unha muller nun coche en Redondela

Un home, que foi xulgado este martes na sala do Penal 2 de Vigo, enfróntase...

A IX Edición de Navaia abre o 21 de maio en Vigo con 533 expositores e máis de 1.000 marcas

A novena edición da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia) abrirá as súas portas...