InicioPolíticaCaballero chama "mentireiro" a Feijóo nunha lea pola vivenda protexida en Vigo

Caballero chama “mentireiro” a Feijóo nunha lea pola vivenda protexida en Vigo

O alcalde vigués acusa a Xunta de non querer levar adiante o Insituto en Navia. A administración autonómica, pola súa parte, desménteo e ínstao a "desbloquear os investimentos da Xunta na cidade".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tachou de “mentireiro” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, polas súas manifestacións “patéticas” nas últimas horas ao redor do compromiso do goberno autonómico coa vivenda protexida na cidade e coa construción dun IES no barrio de Navia.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico volveu lembrar que Feijóo “leva gobernando 13 anos e construíu en Vigo 62 vivendas de protección autonómica”, o que lle leva a unha “marca” de 5 vivendas por ano, segundo ironizou. “É patético”, proclamou Caballero, quen tamén respondeu ás declaracións de Feijóo instando o Concello a axilizar a licenza de urbanización para a construción de novas vivendas públicas en Navia.

Respecto diso, cualificou o presidente galego como un “mentireiro” por afirmar que a Xunta remitira o proxecto de urbanización en abril de 2021. “O que enviou en abril foi a primeira versión, que foi alegada e o Concello pediu cambios (…) a última versión enviárona hai unha semana“, puntualizou o alcalde, quen lembrou que ese documento tamén debe ser sometido a exposición pública, trámite de alegacións e aprobación definitiva.

Por outra banda, con respecto ao anuncio da próxima construción dun instituto en Navia, Abel Caballero lembrou que xa en 2020 o Concello de Vigo remitiu á Consellería de Educación unha proposta de protocolo no que a administración local cedía os terreos se a Xunta se comprometía a construír o centro educativo. “E a resposta da Xunta foi que non. Se quixesen facer o instituto asinaría ese protocolo”, denunciou o rexedor.

Abel Caballero concluíu que as palabras de Feijóo, nun acto de entrega de chaves a beneficiarios de vivendas autonómicas este luns, foron declaracións “patéticas”. “Veu facer unha foto e a tomarnos o pelo de novo con mentiras e falsidades”, remarcou.

A XUNTA

Pola súa banda, a Xunta de Galicia denunciou a “chantaxe” do alcalde de Vigo por “paralizar” a urbanización das parcelas de Navia onde o goberno autonómico prevé a construción de vivenda protexida, e acusou o rexedor de “mentir” e “poñer pedras no camiño” para bloquear os investimentos da administración autonómica na cidade.

Así o trasladou a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, en resposta ás declaracións do propio alcalde. Despois das críticas do rexedor, Fernández-Tapias lamentou que Abel Caballero “unha vez máis verte incerteza e confusión” sobre as actuacións do goberno galego, en concreto, sobre o proxecto para construír 1.600 vivendas en Navia.

A delegada territorial reiterou que a Xunta remitiu o ano pasado os proxectos de urbanización da primeira bolsa de chan dese proxecto residencial e, desde entón, o Concello “non cesou de pór pedras no camiño”, “unicamente coa ansia de paralizar a aposta da Xunta pola cidade”.

“Instamos o Concello a pór fin ás demoras inxustificadas, que non son unha novidade, porque xa atrasara a aprobación do plan parcial deste ámbito durante 4 anos e un mes”, reclamou a delegada, quen denunciou que esta “chantaxe” do goberno de Abel Caballero está acompañado por “outra mentira”: a suposta negativa da Xunta a construír un IES en Navia.

ÚLTIMAS

​Pérez Esquivel, Beiras, Ferrín ou Ramonet apoian unha campaña pola liberdade de Nicolás Maduro

Destacadas personalidades como Xosé Manuel Beiras, Méndez Ferrín e o Nobel Adolfo Pérez Esquivel...

Caballero defende a Zona de Baixas Emisións para asegurar 35 millóns en fondos europeos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, defendeu a implantación de Zonas de Baixas Emisións...

Carmen García Mateo e Belén Rubio dispútanse este venres o Reitorado da Universidade de Vigo

Carmen García Mateo e Belén Rubio mediranse este venres na segunda volta das eleccións...

Casa 47 sortea 67 vivendas en Vigo a un prezo de alugueiro medio de 662 euros ao mes

Casa 47 sorteou este xoves ante notario as 171 vivendas da convocatoria piloto de...