InicioVigo e contornaMosUn xulgado falla a prol das empresas do polígono mosense de Monte...

Un xulgado falla a prol das empresas do polígono mosense de Monte Faquiña e prorroga concesións 25 anos máis

Considera "meridianamente claro" o testemuño no xuízo da alcaldesa de Mos, Nadia Arévalo.

PUBLICADO O

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 do Porriño fallou a favor das empresas do polígono de Monte Faquiña, situado en Mos, e declarou prorrogados tácitamente os contratos de dereito de superficie asinados anos atrás por cinco compañías durante 25 anos máis, a contar desde a data en que alcanzasen os primeiros 50 anos.

En concreto, a resolución amplía a duración dos contratos durante 25 anos, asumindo así ao completo os termos da demanda interposta polos empresarios.

Desta forma, tal como reza a sentenza, Redphone Galicia poderá permanecer en Monte Faquiña nas condicións actuais ata 2072, Telenet Central Logística ata 2077, Distribuciones Alonso Otero ata 2053, Blanco Quintás ata 2069 e Autocares García ata 2046.

A resolución entende que neste caso vulnerouse o “principio de confianza lexítima”, para o que considera “meridianamente claro” o testemuño no xuízo da alcaldesa de Mos, Nadia Arévalo, quen afirmou que os terreos foron arrendados para a súa explotación industrial e que foi reiteradamente manifestada “a vontade política de prorrogar os contratos sempre que se mantivese o emprego local e as instalacións a fin de compensar os investimentos que realizaron os empresarios”.

Por todo iso, a Asociación de Empresarios de Mos (Aemos) aplaudiu a resolución xudicial, que considerou “indubidablemente de puro sentido común”. A entidade confía en que esta sentenza, unha vez firme, “free a ameaza de éxodo empresarial a Portugal”, aínda que tamén entende que “haberá que seguir axuntando esforzos” para que o caso de Tameiga non se estenda a outras zonas. Contra a resolución cabe interpor recurso de apelación nun prazo de vinte días.

Tamén o Concello de Mos celebrou esta decisión xudicial, cualificándoa como unha “gran nova” para o concello, así como para o seu emprego, a súa economía local e para o futuro de todo o concello.

A alcaldesa felicitou os empresarios, mostrando a satisfacción do Concello, xa que esta sentenza, aínda que cabe recurso, “é o primeiro paso para a consolidación de máis de 700 postos de traballo que estaban en perigo, e para preservar o patrimonio desta parte do empresariado mosense, no que investiron máis de 20 millóns de euros en 10 anos”.

Este conflito xurdiu cando os tribunais outorgaron a propiedade do chan que ocupan as empresas á comunidade de montes. A parir de aí, os comuneiros decidiron non respectar as condicións dos contratos fixados no seu día polo Concello coas compañías, “que realizaron millonarios investimentos para pór en marcha as súas actividades baixo a premisa de contar cun canon determinado e unha duración da concesión suficiente para garantir a amortización do negocio”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...