O Servizo Galego de Saúde (Sergas) detectou o primeiro caso de BA.2, subvariante de ómicron coñecida como ‘silenciosa’, nunha paciente da área sanitaria de Vigo. Ademais, hai outros 15 positivos en estudo relacionados co primeiro.
A través dun comunicado emitido este domingo, a Xunta informa de que foi o laboratorio de microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, na cidade olívica, o que secuenciou esta nova sublinaxe.
En canto ás 15 persoas que están en estudo, están localizadas nas áreas sanitarias de Vigo e de Santiago-Barbanza. Os pacientes, segundo asegura Sanidade, presentan “síntomas semellantes a unha gripe leve” e ningún deles está hospitalizado.