Os movementos internos no seo do PP de Vigo continúan de cara a perfilar as posibles canditaturas para o congreso local do partido (que aínda non foi convocado e no que se elixirá á dirección dos ‘populares’ na cidade olívica), e Javier Guerra confirmou este martes que leva tempo traballando nunha “iniciativa de unión”.
Así, despois de que a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias dese un paso adiante, confirmando publicamente os contactos coa militancia, agora é o exconselleiro e senador Javier Guerra o que puxo as súas cartas boca arriba. A pesar de que non quixo confirmar se encabezará unha candidatura para optar á presidencia local do PP, Guerra fixo públicos uns movementos que, ata agora, preferira deixar no plano da discrección.
Nese sentido, explicou a Europa Press que a súa “preocupación” pola situación da cidade e do seu propio partido levouno a traballar, “desde fai máis dun ano” cun “grupo de compañeiros” no que denominou “unha iniciativa de unión de todos”. Trátase, trasladou, de “presentar un partido forte e unido” e iso despois de “considerar o sentir de moitos afiliados e simpatizantes”.
Esa mensaxe de integración de diferentes sensibilidades é precisamente o que se reflicte na composición dese grupo, do que forman parte, ademais do deputado Diego Gago ou dos concelleiros Alfonso Marnotes e Teresa Egerique, a senadora Elena Muñoz, que foi presidenta do PP de Vigo entre decembro de 2016 e xuño de 2019, cando dimitiu tras os malos resultados da súa candidatura nas eleccións municipais (nas que os ‘populares’ pasaron de 7 a 4 edís).
POSIBLES RIVAIS NO CONGRESO
Así as cousas, no PP de Vigo puxéronse en marcha os motores de dous movementos, por unha banda o que representa Guerra e que se esforza en mostrarse como unha opción aglutinadora e, por outro, o que iniciou a delegada da Xunta na cidade, Marta Fernández-Tapias, que se perfila como a aposta do PPdeG para liderar o partido nunha cidade na que a meta de chegar ao goberno local se lle presenta francamente difícil, cun Abel Caballero que conta con 20 de 27 concelleiros.
Fernández-Tapias recoñeceu que mantivo contactos con militantes e simpatizantes, de feito, ela mesma en redes sociais fixo públicas algunhas fotos, entre as que hai unha imaxe do exalcalde, Manolo Pérez, acompañándoa nun deses encontros.
En todo caso, do mesmo xeito que Javier Guerra, eludín confirmar se presentará a súa candidatura ao congreso local para presidir o partido na cidade, e limitouse a defender que “todas as cabezas visibles do partido” deben ter contacto coa militancia, para saber “que queren, que pensan e que necesitan”. A ese respecto, Fernández-Tapias non se sae do guión establecido e aposta por “facer un PP moderno e forte” en Vigo, que poida ser “esa alternativa tan necesaria na cidade”.