InicioEconomíaConcello, Deputación e Zona Franca acusan a Xunta de "inacción" para que...

Concello, Deputación e Zona Franca acusan a Xunta de “inacción” para que Vigo teña a fábrica de baterías para vehículos eléctricos

O proxecto calcula un número de empregos directos superior aos 800 e uns 8.000 indirectos. A patronal galega afea ao Goberno que anuncie unha planta de baterías preto de Martorell e defende a opción de Vigo.

PUBLICADO O

O Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Concello e a Deputación de Pontevedra presentaron este martes o Manifesto de Interese do proxecto para implantar na comarca unha fábrica de baterías para vehículos eléctricos, co que pretenden captar fondos europeos de recuperación (Next Generation), e defenderon que esta planta é “compatible” cos outros proxectos similares que se candidatan desde Cataluña e Estremadura.

No acto, o delegado de Zona Franca, David Regades, explicou que esta iniciativa “aglutina todo o apoio público”, aínda que precisou que foi impulsada por este organismo, e polas administracións local e provincial, “ante a inacción” da Xunta de Galicia, que “debería ser a que propulsase estes proxectos”.

O delegado de Zona Franca defendeu a idoneidade da área viguesa para acoller esta iniciativa, pola súa “proximidade” a xacementos de litio (como o portugués de Montealegre, preto da fronteira con Oímbra, en Ourense), e pola proximidade a industrias construtoras e provedoras do sector de automoción.

Regades, quen afirmou que o seu colega de partido e alcalde, Abel Caballero, é o “pai” do proxecto, tamén recalcou que, aínda que haxa outras candidaturas de plantas de baterías, é “necesario e posible que haxa máis dun proxecto” nese sentido.

Na mesma liña, o rexedor proclamou que esta iniciativa “non se fai contra ninguén”, e é “compatible” con outras propostas “similares” noutros territorios (de feito, o Goberno xa avanzou que a primeira planta de baterías eléctricas instalaríase preto de Martorell, en Cataluña).

Caballero tamén fixo fincapé en que a “plataforma” que pretenden pór en marcha está aberta a que se somen máis empresas, e referiuse “con preocupación” a quen “non ofreceron” crear esta iniciativa e agora “xeran debate político”, en alusión ao goberno galego.

INVESTIMENTO E EMPREGO

Segundo sinalou David Regades, a previsión de investimento é de 151,7 millóns de euros, e espérase que, na súa fase inicial, a planta teña capacidade para producir 2 xigavatios/hora, e poida chegar a 16 GW/h, cando estea a pleno rendemento (e sexa capaz de fabricar 300.000 baterías ao ano).

Así mesmo, en canto a emprego, nos seus comezos contará con 100 empregos directos e 1.000 indirectos, e cando se consolide, o número de empregos directos superará os 800 e os indirectos serán uns 8.000.

O proxecto inclúe tamén un laboratorio de tecnoloxías de propulsión limpa, cun investimento previsto duns 30 millóns de euros, e en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG).

A iniciativa impulsada por este tres institucións conta, como socios, cunha vintena de empresas e organismos, entre os que están a Universidade de Vigo, Iberdrola, Cegasa, Grant Thornton, GKN Automotive, ou Seganosa.

“PROXECTO ESTRATÉXICO”

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, incidiu en que este é “un proxecto estratéxico” para Vigo, para a provincia, para Galicia “e para o noroeste peninsular”, e puxo en valor a aposta de Zona Franca e do Concello: “Xa nos gustaría que outras institucións tivesen esta visión”, apostilou.

Mentres, a responsable de Innovación do CTAG, Ana Paul, recalcou que este centro tecnolóxico traballará no laboratorio de propulsións limpas “cun enfoque integral”, abordando cuestións como probas de prototipos, revalorización de baterías ou desenvolvemento de estratexias intelixentes aplicadas a esta produción.

PATRONAL

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) trasladou o seu malestar polo anuncio do Goberno de España de que a primeira fábrica de baterías para vehículos eléctricos se implantará preto de Martorell, e lamentou que o Executivo “se comprometa cun proxecto antes da propia convocatoria de axudas do programa Next Generation”.

Por iso, pediu ao Goberno “que reconsidere a súa decisión” e permita a todas as Comunidades Autónomas “competir en igualdade de condicións por este proxecto”. “Esta actuación supón un cambio das regras de xogo inasumible”, criticou a CEG, que lembrou que non só non están convocadas as axudas con cargo a fondos europeos, senón que tampouco están fixados aínda os criterios para definilas.

A patronal galega recalcou que “unha das áreas máis competitivas de Europa no sector da automoción está en Vigo”, onde se atopa a planta de PSA (grupo Stellantis) que ten maior produtividade en España “e xa monta coches eléctricos”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...