(Mapa interactivo) Descobre a riqueza arbórea do ‘pulmón verde’ de Vigo

Ecoloxistas en Acción crea un mapa con case 300 tipos de árbores que medran no Parque do Castro de Vigo co obxectivo de poñelas en valor e protexelas fronte a "tallas indiscriminadas". Coñeces máis?

Parque do Castro, en Vigo / Wikipedia

O parque urbano do Castro ten un elevado valor ambiental pola súa biodiversidade natural, e ademais, resulta de gran importancia para a cidade polo valor paixasístico e os servizos ecosistémicos do conxunto árbóreo. É, de feito, a derradeira illa verde de suficiente tamaño para facer de «pulmón» do centro da cidade, cun amplo catálogo de especies de árbores ornamentais.

Agora, Ecoloxistas en Acción vén de crear un mapa interactivo con case 300 árbores do Parque do Castro de Vigo para poñelas en valor, poder ubicalas, identificalas e, sobre todo, protexelas de “tallas indiscriminadas”. Así mesmo, piden a colaboración da cidadanía para completar este mapeo, de maneira que solicitan que lles sexan comunicadas aquelas árbores que aínda non están incluídas.

CONTRA AS TALLAS “INDISCRIMINADAS”

Dende a asociación ecoloxista lembran que nos últimos anos se veñen realizando “tallas de decenas de árbores dentro da execución do proxecto de iluminación da muralla e urbanización da fortaleza”.  Moitas delas, aseguran, executáronse “con criterios arbitrarios, obedecendo máis ben a cuestións persoais e estéticas”. Así, proseguen, “cercenáronse os principais carballos americanos de gran porte que estaban catalogados e non se xestionaron axeitadamente os piñeiros, moitos deles secos en pé ou defoliados pola procesionaria”.

Ante a diminución “moi acusada” da biodiversidade e ante o “risco” en que se atopa o pulmón verde da cidade, Ecoloxistas en Acción demanda ao Concello de Vigo que “non continúe coas tallas arbitrarias e que aplique criterios de sostibilidade, de preservación da biodiversidade urbana e de respecto á historia da cidade e aos usuarios do parque”.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here