InicioEconomíaA adxudicación da reforma do paseo das Avenidas e Beiramar coñecerase a...

A adxudicación da reforma do paseo das Avenidas e Beiramar coñecerase a final de ano

O Porto de Vigo indicou que ata o momento presentáronse máis de 60 empresas ao proceso, e espérase que as obras se adxudiquen a final de ano e estean rematadas en xullo do ano que vén.

PUBLICADO O

O Porto de Vigo licitou, por case 7 millóns de euros, as obras para reformar a zona das Avenidas, incluído o tramo de paseo no peirao que se esborrallou durante un concerto no festival O Marisquiño 2018, e a zona de Beiramar, e prevé adxudicar os traballos a finais deste ano.

Segundo informou en rolda de prensa o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, este venres informouse ao Consello de Administración da licitación das obras. Ata o momento presentáronse máis de 60 empresas ao proceso, e espérase que as obras se adxudiquen a final de ano e estean rematadas en xullo do ano que vén.

Así, explicou que o investimento previsto para renovar o lousado das Avenidas é de algo máis de 2 millóns de euros; mentres que a reforma do peirao sinistrado custará case 3 millóns; e a mellora da Avenida de Beiramar, onde se fará un carril-bici, custará 1,8 millóns de euros.

Por outra banda, López Veiga trasladou ao Consello o informe de xestión correspondente ao mes de agosto, e constatou que “o Porto está a recuperar a súa actividade”, que sufriu un descenso notable durante o estado de alarma, especialmente polo peche da planta de PSA. No entanto, precisou que o tráfico de cruceiros aínda non dá mostras de recuperación, e posiblemente non o fará ata que se estenda unha vacina contra a COVID.

Con respecto aos tráficos, estes aumentaron un 7,67 por cento con respecto a agosto de 2019, levantados polo bo comportamento do tráfico de mercadorías (que subiu máis dun 10 por cento). Por contra, a pesca fresca experimentou un descenso do 15,68 por cento no volume de movementos e baixou tamén o valor da mercadoría un (12,38 por cento menos).

Finalmente, e a preguntas dos medios sobre a súa continuidade como presidente do Porto, López Veiga eludiu pronunciarse e lembrou que esa decisión depende do presidente da Xunta e da conselleira do Mar, e remitiuse ao que estes digan. En todo caso, ironizou: “Nalgún momento terá que haber unha substitución, en 10 anos eu non estarei aquí”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...