InicioPolíticaNovo cruce de acusacións entre Feijóo e Caballero a conta de Vigo

Novo cruce de acusacións entre Feijóo e Caballero a conta de Vigo

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, acusou ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, de levar a cabo unha estratexia política consistente en "buscar" ao "inimigo" na Administración autonómica, mentres o rexedor acusouno ser un "farsante" que "desatende" á cidade.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, acusou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de levar a cabo unha estratexia política consistente en “buscar” ao “inimigo” na Administración autonómica, mentres o rexedor o acusou ser un “farsante” que “desatende” a cidade.

Preguntado tras a súa intervención nun acto de balance da súa xestión realizado na cidade olívica, Feijóo criticou a posición do goberno local, que comparou coa levada a cabo desde a Generalitat e que, na súa opinión, permitiu que Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) e Junts per Catalunya (JxCat) ostenten o seu goberno.

Neste sentido, lamentou que a política realizada desde Praza do Rei leve que os vigueses “non coñezan” actuacións impulsadas polo Executivo galego na cidade, unha situación que achacou a que ao goberno local “lle molesta” que a Xunta sexa a administración que “máis inviste” nesta urbe.

Así, o presidente do Goberno galego asegurou que “nunca” houbo “problemas” na relación da Administración autonómica coa local ata este momento a pesar de que a cidade contou con rexedores de partidos distintos aos que ostentaban a Presidencia da Xunta en varias ocasións. Mentres, reivindicou o seu compromiso con Vigo, onde lembrou que se atopa censado desde hai anos.

CABALLERO

Pola súa banda, en declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico retou a Feijóo a detallar “un só investimento” autonómico ao que o Concello se opuxese e lamentou que “nunca” se atope “disposto a atender á cidade”, da que asegurou que “non o quere”. Así, asegurou que o Goberno autonómico debía destinar 2.000 millóns de euros á maior urbe galega, unha cifra que contrapuxo cos “pouquiños” investimentos realizados.

Por este motivo, Abel Caballero considerou que os cidadáns non votarán a Feijóo nas próximas eleccións autonómicas, que se celebrarán o 5 de abril.

Ademais, preguntouse se o apoio prestado ao sector naval que Feijóo reivindicou no acto se refería á entrada de Pemex, cuxo expresidente Emilio Lozoya se atopa investigado por supostamente recibir 10 millóns de dólares dunha construtora de forma fraudulenta, no accionariado de Hijos de J. Barreras. Así, criticou que non achegase solucións á crise que se desatou recentemente neste estaleiro, que evitou entrar en concurso de acredores o pasado mes.

Tamén reprobou que o presidente da Xunta puxese en valor a concesión de axudas “que veñen do Goberno central” á fábrica viguesa de PSA Peugeot Citroën e asegurou que “obstaculiza” o urbanismo de Vigo ao non permitir que o Concello “lidere” a aplicación da lei autonómica 3/2016.

Así mesmo, o alcalde asegurou que non permitiu que o municipio se adherise ao Plan de Transporte Metropolitano de Galicia para evitar que “con impostos de Vigo” se abone o acceso á cidade “aos de fóra” –os concellos deben asumir o pago do 20% deste programa que ofrece descontos á viaxeiros fronte ao 80% que custea o Executivo autonómico–.

ÚLTIMAS