InicioEconomíaSindicatos acollen con "cautela" a proposta das auxiliares para "tomar o control"...

Sindicatos acollen con “cautela” a proposta das auxiliares para “tomar o control” de Barreras

A Xunta pide "responsabilidade" aos accionistas e urxe unha solución para renovar a actividade de forma "inmediata".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os sindicatos acolleron con “cautela” a proposta feita pública este xoves pola plataforma de empresas auxiliares acredoras de Hijos de J. Barreras para “tomar o control” do estaleiro, ben mediante a entrada no accionariado ou ben mediante a cesión de “dereitos políticos” para ter capacidade de decisión.

O presidente do comité de Barreras, Sergio Gálvez (UGT), subliñou que todas as ofertas que cheguen ao estaleiro “son estudiables” e “benvidas”, a condición de que leven aparellado o mantemento do emprego e da carga de traballo, “que custa moito conseguila”.

Gálvez recoñeceu que, a día de hoxe, o comité non ten confirmado se o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton) ve viable a operación de facerse coa propiedade de Barreras, e constatou que “tamén parece que hai uns empresarios que queren vender as súas accións, porque non lles interesa a xestión futura”.

Sobre a formulación das auxiliares, incidiu en que os traballadores “non poden pecharse a ningunha solución”, e lembrou que, se finalmente frutifica esa vía, Ritz Carlton ten que adoptar o papel de “cliente” e “terá que negociar sobre as súas circunstancias e non sobre as do estaleiro”.

O presidente do comité, que subliñou que “o que non pode pasar é que se esgote o tempo e isto acabe nun concurso”, matizou que o estaleiro “non ten un problema económico tan perentorio”, senón “un problema accionarial”, porque “non hai capacidade executiva”.

“PROXECTO CLARO”

Pola súa banda, o responsable do naval vigués na CIG, César Rodríguez, expresou a súa “cautela” ante o anuncio das auxiliares, e incidiu en que este sindicato “non está en contra” desa operación, “sempre que haxa un proxecto claro, rigoroso, e que garanta carga de traballo e empregos”.

Así mesmo, advertiu de que, se non hai unha saída inmediata, “no ‘impass’ antes dunha posible entrada en concurso se pode perder carga de traballo”, e volveu a reclamar a “implicación” da Xunta na solución á crise de Barreras, dado que foi a administración galega a que propiciou a entrada de Pemex, principal accionista do estaleiro.

Mentres, o responsable de Industria de CC.OO., Celso Carneiro, sinalou que “non é a primeira vez” que a industria auxiliar expón tomar as rendas dalgún estaleiro, aínda que esa vía “nunca se explorou”. “O que propoñen agora é unha alternativa, pero non deixa de ser complicada”, advertiu, á vez que instou ao accionista maioritario, Pemex, a “que diga algo” e apostou por “esperar a ver os movementos” da petroleira mexicana.

FRANCISCO CONDE

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que este venres participou nunha xornada sobre o ‘brexit’ en Vigo, sinalou en declaracións aos medios que a opción exposta polas auxiliares é unha proposta que “hai que valorar sempre en positivo” pero “en calquera caso son os accionistas os que teñen que dar esa solución e resposta”, que urxiu que sexa rápida para renovar a actividade “de forma inmediata”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, pediu “responsabilidade” aos principais accionistas de Barreras para dar unha solución “inmediata” aos “máis de 1.000 empregos que están en xogo” e ás empresas auxiliares que traballan na construción do buque.

Neste sentido, Francisco Conde asegurou que a Xunta se puxo en contacto cos tres principais accionistas do estaleiro (PMI, filial da petroleira mexicana PEMEX, o grupo de empresas de José García Costas e o grupo Albacora) e trasladoulles a súa “predisposición para estar na solución”.

“A Xunta de Galicia estará na solución e solicitará aos accionistas dúas cousas, que se manteña a carga de traballo que neste momento ten Barreras e que se lle dea unha resposta ás auxiliares, que son as que teñen un peso moi importante dentro da construción do buque e están a pasar por unha situación de dificultade”, destacou Conde.

Así, o conselleiro asegurou que o Goberno galego “condicionará a súa participación para dar unha solución” a que se poidan resolver estas dúas cuestións, “que son absolutamente prioritarias”.

Conde puxo a disposición de todos os axentes a capacidade de mediación da Xunta, así como os diferentes instrumentos que ten o Goberno autonómico no ámbito da colaboración “para estruturar desde o punto de vista financeiro o estaleiro”.

“Estamos a traballar e trasladámoslles ao accionariado que actúen con rapidez, responsabilidade e que acheguen unha solución que é o que neste momento necesitan os traballadores, máis de 1.000, e loxicamente a industria auxiliar”, reiterou.

ÚLTIMAS