VIDEO | Así estragaron 10 petróglifos da estación de Outeiro dos Lameiros en Baiona

O autor dos feitos mesmo alterou un dos paneis de reticulados facendo grabados que non existían.

Petróglifo, coñecido coloquialmente como "o ollomol" danado en Outeiro dos Lameiros, Sabarís | Foto Pedro Telmo

Os pretóglifos foron riscados a man coa axuda dunha pedra; un tipo de agresión ao patrimonio rupestre, por desgraza, cada vez máis frecuente.

Na mañá deste domingo 16 de agosto achegámonos ata a estación de Outeiro dos Lameiros na parroquia de Santa Cristina da Ramallosa (Sabarís). Constitúe un dos conxuntos de maior interese do Suroeste de Galicia pola súa gran concentración de gravados e a variedade de motivos datados entre o 3000 e 2000 a.c.

Cando chegamos non dábamos crédito ao que estabamos vendo. Todos os paneis da estación tiñan dous ou tres petroglifos danados.

En total atopamos 10 petróglifos danados, un deles é o máis singular e representativo deste conxunto e está situado no mural de 15 x 5 metros que preside esta estación.

O autor dos feitos mesmo alterou un dos paneis de reticulados facendo gravados que non existían.

Gravados a man que non existían na pedra orixinalmente | Foto Pedro Telmo

Este xacemento arqueolóxico ten como principais características a súa gran concentración de superficies gravadas cunha ampla variedade de motivos, destacando un panel vertical único de 15 por 5 metros de superficie.

Neste enclave podemos atopar dende cazoletas, círculos concéntricos, zoomorfos, reticulados, esceas de equitación con cabalos, trisqueis, … e un panel único de 15×5 metros con máis de 70 cuadrúpedos esquemáticos, único no noroeste peninsular.

Polas indagacións realizadas os feitos tiveron que acontecer na tarde de onte 15 de agosto, logo de analizar distintas imaxes nas redes sociais e a súa hora de publicación.

A zona presenta un estado de semi abandono, con algunhas láminas das paraselas apodrecidas, e algúns paneis informativos cubertos lixeiramente pola maleza, … pero o entorno é perfectamente visitable.

Tamén poidemos atopar restos de entullos dunha fogueira con restos de cauchos e outros materiais que foron abandonados no mesmo camiño de acceso.

Queda agora determinar a posición que van tomar ao respecto o Concello de Baiona e a Comunidade de Montes de Sabarís, propietaria da finca así como as distintas asociacións culturais da zona como o Instituto de Estudos Miñoráns, principal valedor da defensa patrimonial do Val Miñor e por extensión a Xunta de Galicia, competente en materia de patrimonio.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here