Cae a sombra da pederastia sobre o colexio do Pilar de Vigo. O xornal El País publica este martes unha reportaxe na que diversos ex-alumnos do centro dos maristas dan conta de abusos sexuais “sistemáticos” da man de relixiosos do centro que, en pleno Franquismo, aproveitaban a situación de poder da escola para realizar tocamentos a nenos que, en moitos casos, non tiñan aínda 10 anos de idade.
Moitas das vítimas que hoxe denuncian os feitos son xa septuaxenarios que, tras tantas décadas de silencio, quixeron facer públicos os horrores vividos nun centro no que, segundo apuntan, os abusos sexuais eran unha cuestión institucionalizada, un segredo a voces. Entre os principais responsables atoparíase mesmo o director do centro, así como diversos relixiosos e profesores.
En concreto, as vítimas refiren a presenza de catro relixiosos que eran, no seu testemuño, “auténticos depredadores” que se aproveitaban do ambiente “sórdido” e represivo do colexio do Pilar para cometer os supostos abusos. “Ese colexio era unha organización pederasta”, refire un dos antigos alumnos no testemuño recollido polo xornal madrileño.
A orde dos maristas, que nos últimos anos vén de ver expostos diversos casos de abusos sexuais en centros de distintas parte do estado, anunciou ao xornal que xa abriu unha investigación a respecto do caso, á parte de “poñerse á disposición” daqueles alumnos que puideran ter sido vítimas dos maltratos referidos. Porén, máis de 50 anos despois, o ano semella difícil de reparar: “non diciamos nada na casa, tiñas medo a que che dixeran algo, tiñamos medo a todo”, apunta outro denunciante.