InicioSociedadeO 'Jack Sparrow' vigués non se rende e querelarase contra a xuíza...

O ‘Jack Sparrow’ vigués non se rende e querelarase contra a xuíza que impediu a súa voda

Di que o fai "polo seu pleno convencemento de que a actuación da maxistrada non foi axustada a dereito", e si "profundamente inxusta e arbitraria".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Alberto Carreira, coñecido xa como o Jack Sparrow vigués, e a súa parella María Salinas, non se renden e continuarán a vía xudicial contra a xuíza que o pasado 23 de abril impediulles casar vestidos el de pirata e ela cun traxe tradicional galego confeccionado pola súa nai, segundo informaron nun comunicado.

Tras serlles negada a entrada no Rexistro Civil para contraer matrimonio por non acudir coa indumentaria adecuada, ambos denunciaron á xuíza, pero o pasado xoves, 29 de abril, o Xulgado de Instrución número 8 de Vigo decidiu arquivar a denuncia penal.

Segundo o TSXG, a negativa do maxistrado do Xulgado de Instrución baseouse en que da denuncia “non se desprenden feitos con relevancia penal” que puidesen xustificar a elevación da causa ao alto tribunal galego. Por outra banda, o xuíz aclara no auto que tampouco cumpre o requisito formal de presentarse a través dunha querela.

Agora, a parella, tras solicitar o asesoramento legal oportuno, admite a obxección formal do Xulgado de Instrución, pero non a substancial, polo que tomaron a decisión de non recorrer dito auto, “deixando que adquira firmeza e así poder deixar expedita a vía para interpor unha querela con todas as formalidades oportunas”.

POLÉMICA

Farano, explican, “polo seu pleno convencemento de que a actuación da maxistrada non foi axustada a dereito”, e si “profundamente inxusta e arbitraria”. Alberto e María saltaron aos xornais de toda España cando se coñeceu este episodio.

El ía vestido de pirata, cunha perruca e un chapeu parecido ao que leva Jonnhy Deep na famosa saga de Piratas do Caribe, o que imposibilitaba que se lle recoñecese, segundo os funcionarios.

A negativa da administración de xustiza a oficiar a voda acendeu os ánimos deste pirata, que escribiu unha carta á xuíza que colgou nas redes sociais, xerando un notable debate ao redor deste suceso.

Xulgounos sen sequera vernos. Insultou ao traxe rexional da nosa comunidade chamándolle disfrace e insultou ao traballo dunha modista que fixo o meu traxe baseado no século XVI como disfrace. Xulgounos escondida no seu despacho, ese que pagamos todos cos nosos impostos”, escribiu o noivo.

Posteriormente presentou a denuncia contra a xuíza que o xulgado de Instrución arquivou, penúltimo capítulo da pelexa que esta parella mantén por que se lles recoñeza o seu dereito a casar tal e como foron vestidos ao xulgado.

ÚLTIMAS