Un novo buque, desta volta do Grupo Pereira, o Argos Pereira, está retido no porto de Montevideo por un foco de 28 positivos de covid bordo.
Nesta ocasión, ao contrario do que aconteceu no recente caso do Venturer -barco pertencente á compañía galega Pescapuerta que se atopa fondeado nun porto brasileiro con varios tripulantes infectados- a empresa solicitoulle ao Goberno uruguaio que as persoas que deron negativo poidan abandonar a embarcación.
Os dous buques partiron do porto de Vigo con dirección ao caladoiro das Malvinas tras supostamente teren realizado as probas pertinentes. Por iso dende a CIG pregúntanse como é posíbel que se estean a producir contaxios masivos entre a tripulación. “Está claro que están a fallar os controis, o que pon en grave risco a saúde das persoas que viaxan nestes barcos”, sinala o responsábel da CIG-Mar, Xavier Aboi.
Por iso demanda das Administracións que extreme o control para garantir que se cumpren as recomendacións sanitarias e que fixe uns protocolos claros de actuación unha vez detectados os gromos para atender do mellor xeito aos afectados. “O Goberno central e a Xunta teñen que deixar de agocharse detrás das empresas e actuar, porque non pode ser ademais que teñamos que coñecer pola televisión uruguaia que hai un novo barco galego con tripulantes infectados a bordo”, suliña.
Neste senso, asegura que os casos de embarcacións con gromos de covid son numerosos, pero que unicamente transcenden algúns deles porque as compañías fan todo o posíbel por mantelos ocultos. E critica que as Administracións española e galega respondan ás denuncias da CIG sen asumir responsabilidades. “A Xunta di que é cousa do Goberno, e o Goberno di que os afectados foron atendidos polo Centro Radio Médico e que están en contacto co consulado, algo que xa sabiamos”.
VENTURER
En canto á situación concreta do Venturer, o responsábel sindical indicou que as novas probas practicadas a bordo destaparon un novo caso de contaxio, que se suma aos 10 xa confirmados, polo que en total hai 11 positivos (nove cidadáns peruanos e dous galegos). Dous dos afectados (un galego e un peruano) continúan hospitalizados en centros médicos brasileiros.