InicioSociedadeOs afectados pola explosión de Tui piden ás administracións que "se deixen...

Os afectados pola explosión de Tui piden ás administracións que “se deixen de pasar a pelota dunha a outra”

Os veciños afectados pola explosión congregáronse esta fin de semana, para reclamar ás administracións que "unan forzas" de cara a dar "cunha solución".

PUBLICADO O

Os veciños afectados pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico en Paramos, Tui (Pontevedra), congregáronse este sábado, día no que se cumpre un mes do suceso, para reclamar ás administracións que “unan forzas” de cara a dar “cunha solución” para os múltiples veciños que se viron afectados pola deflagración.

Este sábado 24 de xuño cúmprese un mes dun suceso que “o cambiou todo para sempre”, como denunciaron os portavoces da asociación de afectados, Lupe Pérez e Salvador García, encargados de ler un manifesto na concentración, que congregou a varias decenas de veciños.

Así, denunciaron que os afectados padecen a “burocracia lenta” á hora de xestionar as axudas que lle corresponden, aínda que mostraron a súa satisfacción porque “a pelexa” mantida “desde o primeiro momento” logrou “cambiar cousas”, como as contías recollidas no decreto da Xunta.

Con todo, chaman a continuar “pelexando” para conseguir cuestións como a cobertura económica dos vehículos afectados ou “pedir máis subvencións para segunda vivenda”. Nesta liña, instaron ás administracións a que “unan forzas e axuden a solucionar o problema canto antes” e deixen de “pasarse a pelota dunha a outra”.

Ao Goberno central puxeron como deberes que declare Paramos como zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil —antiga zona catastrófica— e á Xunta que “aumente as partidas relacionadas coa reconstrución para segundas vivendas”, así como que “implique” a “máis consellerías neste tema”.

Así, reclaman que o Sergas envíe a un facultativo “de maneira estable” ao centro de saúde de Tui para a atención “permanente” dos veciños afectados, unha reivindicación que defenden “desde o primeiro momento”.

No manifesto, o colectivo mostrouse moi crítico coa xestión do caso por parte da Deputación de Pontevedra, á que pediron “que se implique dunha vez” pois, segundo afirman, os afectados “o único que recibiron até agora foron escusas e balóns fóra” por parte do ente provincial.

Por outra banda, celebran que o Concello de Tui anunciase que os traballos de desentullo vaian comezar esta semana e que “por fin” arrincará o proceso de recollida do amianto superficial.

As decenas de veciños congregados na denominada ‘zona cero’ da explosión a pesar das altas temperaturas que marcaban os termómetros concluíron a concentración ao berro de “Afectados, solución”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...