InicioSociedadeVigueses atrapados no Perú: "Déronnos coa porta nos fuciños por temor ao...

Vigueses atrapados no Perú: “Déronnos coa porta nos fuciños por temor ao contaxio”

Uns 10 galegos entre os 200 españois en Perú pendentes de solución para volver

PUBLICADO O

- Advertisement -

Uns 10 galegos atópanse entre os case 200 españois que permanecen en Perú á espera dunha solución para poder volver a España, despois de que o país andino decretase a suspensión de conexións aéreas co exterior e o peche de fronteiras.

Así o trasladou a Europa Press unha desas persoas, unha médica viguesa, Sofía García, que se atopa en Lima, á espera de poder saír do país, e que está en contacto con decenas de españois na mesma situación.

Esta galega sinalou que levaba uns 20 días viaxando e facendo turismo por Latinoamérica, con outras dúas compañeiras de carreira (unha do País Vasco e outra de Burgos), e que cando iniciou esa viaxe “non había casos de coronavirus confirmados” nin en Perú nin en España.

O pasado 12 de marzo, á vista de como evolucionaban os acontecementos, Sofía García decidiu volver a casa, do mesmo xeito que decenas de españois, pero ao chegar a Lima, “o aeroporto era un caos, estaba desbordado porque todos querían saír do país e non había medios, a embaixada estaba desbordada e non ofrecía solucións“.

O 13 de marzo o Goberno peruano anunciou a suspensión dos voos con Europa e Estados Unidos e, posteriormente, a suspensión total de todas as conexións aéreas. “Foi imposible conseguir un billete”, lamentou esta viguesa, quen sinalou que, do mesmo xeito que outros españois, viuse obrigada a buscar aloxamento en Lima, mentres non hai alternativa para que os turistas poidan abandonar ese país.

A ese respecto, denunciou as dificultades que os españois están a atopar en hoteis, apartamentos e outros aloxamentos. “Déronnos coa porta na cara nunha chea de sitios ao saber que eramos españois, por medo ao contaxio. Moitos hoteis botaron á xente, e agora co estado de alarma, non se pode saír a ningún sitio”, indicou Sofía que, finalmente, “tras 14 intentos”, logrou alugar un apartamento coas súas compañeiras.

CON BILLETE E SEN PODER VIAXAR

Unha historia parecida é a doutra viguesa, Raquel Martín, que levaba tres meses viaxando por Latinoamérica e chegou o pasado 12 de marzo a Perú, desde México, e con intención de regresar a España.

Segundo relatou a Europa Press, tras a suspensión das conexións aéreas con Europa, logrou comprar un billete a Sao Paulo para, desde esa cidade brasileira, poder voar a Lisboa. Ese voo estaba previsto para este xoves, pero tamén foi suspendido, ao anularse todas as rutas.

Raquel Martín denunciou que, desde o momento en que o goberno de Perú anunciou que restrinxiría os voos, “o aeroporto e a embaixada colapsáronse” e, os afortunados que lograron comprar un billete e saír do país fixérono a prezos “elevadísimos”.

Como no caso da doutora Sofía García, Raquel tivo que buscar aloxamento, no seu caso nun ‘hostel’ onde comparte espazo con outros turistas “atrapados”, e coincidiu en denunciar que “se es español, xa che miran mal, e non che aceptan nos hoteis e aloxamentos”.

Ademais, incidiu, os turistas españois (igual que os chineses, italianos ou franceses) debe permanecer confinados durante 14 días nas súas habitacións, segundo unha orde publicada pola Cámara Nacional de Turismo de Perú. Se van abandonar esas estancias, deben comunicalo á Policía do país.

Segundo apuntaron tanto Sofía García como Raquel Martín, hai uns 200 españois na mesma situación, e deles, “entre 8 e 10 galegos”, que permanecen en Perú, onde o Goberno confirmou, polo momento, 145 casos positivos por Covid-19, 111 na capital.

ÚLTIMAS

Un atuneiro dunha empresa viguesa, implicado nun naufraxio cun desaparecido nas Galápagos

O atuneiro 'Ría de Aldán', comprado o ano pasado pola viguesa Wofco, viuse implicado nun accidente...

Restablecen a circulación na ponte de Rande logo dun accidente múltiple que provocou retencións

A circulación na ponte de Rande quedou restablecida despois de algo máis dunha hora...

O AVE Vigo – Porto tardará 50 minutos, pero non se sabe cando estará operativo

Portugal prevé que a conexión en tren de Vigo ao Porto sexa de 50 minutos...

A Xunta intervirá Ambulancias del Atlántico con tres técnicos de Tragsa e xestionará a entrega de nóminas

Os sindicatos CIG, CC.OO. e USO informaron, nun comunicado conxunto, do achegamento de posturas...