InicioVal MiñorBaionaA Xunta a Abel Caballero sobre o PassVigo: "El é o responsable...

A Xunta a Abel Caballero sobre o PassVigo: “El é o responsable da metedura de pata”

O alcalde de Redondela lémbralle a Caballero que Vigo ten unha "débeda infinita" con este municipio

PUBLICADO O

A Xunta de Galicia volveu a pedir este mércores ao goberno municipal de Vigo que “recapacite”, “corrixa os seus erros” e se incorpore ao plan de transporte metropolitano para que os veciños da cidade poidan ter un mellor transporte e gozar das vantaxes que xa teñen veciños doutros 65 municipios en Galicia.

Así o manifestou a conselleira e Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, antes de presidir a reunión da comisión de seguimento do transporte metropolitano celebrada en Vigo, na que participaron representantes de Salceda, Cangas, Moaña, Fornelos de Montes, Baiona, Salvaterra, Redondela, Mos, Pazos de Borbén e Soutomaior (Vigo non foi convocado por renunciar expresamente ao convenio e os alcaldes socialistas de Nigrán e O Porriño non compareceron).

Ethel Vázquez incidiu en que a pretensión de Caballero era ilegal porque incumpría unha lei estatal de ordenación do transporte e a lei autonómica que impide outorgar bonos sociais co criterio “exclusivo” do lugar de residencia. “Por moito que o alcalde se empeñe en botar a culpa a Feijóo de tódalas súas meteduras de pata, el é o único responsable dun novo revés xudicial. É a loita de Caballero contra o mundo, así perden os vigueses, como estamos afeitos a ver”, lamentou. Unhas declaracións que chegan logo de que o rexedor vigués apuntara a posibilidade de declarar persoa “non grata” ao presidente galego.

Ademais,  subliñou que “a Xunta xa o fixo todo” e o Concello de Vigo é o que “ten na súa man” incorporarse ao plan autonómico e “implantar un transporte mellor para os seus veciños”. “Pedimos ao alcalde que reflexione, que cambie o seu criterio”, incidiu.

“ENFRONTAR” AOS VIGUESES CO RESTO

Na reunión da comisión, ademais do funcionamento do plan de transporte e da implantación da segunda fase desta iniciativa en 2019, Ethel Vázquez confirmou que outra das cuestións sobre a mesa será a intención do goberno vigués de pór en marcha un cartón de transporte só para empadroados na cidade, e que os tribunais frearon ao anular esa esixencia de empadroamento na concesión de bonificacións no bus urbano.

Xuntanza de Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, cos alcaldes da área de Vigo para analizar o transporte metropolitano e a sentenza contra o Pass Vigo / EP

Por outra banda, antes do inicio da reunión, o alcalde de Redondela (Javier Bas), que foi o que interpuxo o recurso que acabou coa anulación do criterio de empadroamento na tarxeta PassVigo, criticou que Caballero pretenda “enfrontar” aos vigueses con veciños dos municipios da comarca. “O alcalde de Vigo fai declaracións moi perigosas, e mesmo diría miserables, como insinuar que se deixarán de asfaltar rúas de Vigo por culpa dos veciños de Chapela”, advertiu.

Bas, quen reclamou ao rexedor olívico que cumpra o convenio e se incorpore ao plan de transporte metropolitano, proclamou que Vigo “ten unha débeda infinita” con Redondela, cuxas parroquias foron “esnaquizadas” para permitir a entrada da AVE na cidade olívica por un túnel, ou para permitir a chegada da autoestrada e a vía férrea.

Pola súa banda, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, insistiu en que agora, co auto xudicial da tarxeta PassVigo sobre a mesa, dáse unha “situación inmellorable” para que o goberno vigués e o autonómico “senten a falar” e se inclúa o bus urbano de Vigo no plan de transporte metropolitano.

“Este plan sen Vigo non ten sentido”, aseverou, e lembrou que Cangas paga máis de 100.000 euros ao ano polo transporte metropolitano sen que os seus veciños teñan “compensación” porque, ao chegar á cidade olívica, non poden acceder a vantaxes no bus urbano.

PLATAFORMA PASS ÁREA

Representantes da plataforma Pass Área, que reclaman a integración de Vigo no plan de transporte metropolitano da Xunta, concentráronse este mércores ante a delegación territorial do goberno autonómico, coincidindo coa reunión da comisión de seguimento do devandito plan de transporte.

Entre eses representantes, Francisco Puch, veciño de Redondela, tachou de “lamentable” a posición do alcalde de Vigo, Abel Caballero, ao que recrimina que “sendo presidente da Federación Española de Municipios e Provincias esnaquice un servizo público tan importante” como o transporte. “Non entendemos a súa postura tan ríxida, nós somos consumidores en Vigo e o seu alcalde está a debilitar a área metropolitana”, engadiu.

Nesa liña, César Domínguez pediu a Caballero “altura de miras” en lugar de “buscar o enfrontamento entre veciños” de distintos municipios. “Pedimos que se una ao transporte metropolitano, e que cada administración faga a súa achega económica. Non se dá nada gratis a ninguén”, recalcou.

ÚLTIMAS

Por que foi anulado o plan de urbanización do Barrio do Cura?

O xulgado do contencioso administrativo 1 de Vigo ditou sentenza pola que declara nulo...

Os 15 pediatras que obtiveron praza por concurso de méritos na área de Vigo teñen ata o 18 de abril para incorporarse

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou recentemente dúas resolucións que adxudicaron a 70...

Un milleiro de bailaríns, inscritos xa na XII edición de Vigo Porté, que traerá danza e música ás rúas da cidade a finais de...

Un milleiro de bailaríns inscribíronse xa na XII edición de Vigo Portei, desde que...

Constitúese a plataforma “Vigo verde -Salvemos a Barrorca” para rexeitar a talla da Carballeira de Casaliños en Navia

"Este mesmo domingo 17 de marzo, a plataforma "Vigo verde -Salvemos a Barrorca" organiza...