InicioPolíticaElena Espinosa nega "categoricamente" formar parte dunha sociedade con sede en Panamá

Elena Espinosa nega “categoricamente” formar parte dunha sociedade con sede en Panamá

O PP reclama "explicacións" á concelleira e ao alcalde.

PUBLICADO O

A concelleira do Concello de Vigo e exministra Elena Espinosa desmentiu este martes “categoricamente” que forme parte dunha sociedade ‘offshore’ con sede en Panamá, tal e como publica o dixital OKdiario.

A edila socialista recoñeceu que ese medio se puxo en contacto con ela para preguntarlle se formaba parte desa sociedade como directora e tesoureira, algo que ela negou. “Non é certo (…). Loxicamente, non podo facer nada máis”, indicou, en relación á publicación desa información.

“O que si fixen foi porme en contacto co grupo empresarial no que traballaba antes de formar parte da Corporación [municipal]”, explicou, en alusión ao grupo Rodman (dedicado á construción de buques), ao que solicitou documentación sobre a constitución desa sociedade en Panamá, á que fai referencia o xornal dixital.

Espinosa, que facilitou aos medios esa documentación, explicou que, nesa constitución, que data de 1995, ela non figura. Doutra banda, lembrou que, nese momento, ela era presidenta da Autoridade Portuaria de Vigo, por tanto “era imposible” que figurase con algún cargo nunha sociedade constituída polo grupo Rodman (ao que se incorporou máis tarde).

Así mesmo, a concelleira e exministra facilitou copia dos documentos do rexistro mercantil nos que figuran os poderes que, no seu día, o grupo Rodman lle outorgou (nos que non se menciona á sociedade con sede en Panamá). “Pódese comprobar que nada teño que ver”, engadiu, e confirmou que solicitou máis documentación.

Finalmente, afirmou que se reserva o seu “dereito de exercer accións legais e pedir responsabilidades” a OKdiario pola publicación desa información.

PP PIDE “EXPLICACIÓNS”

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, compareceu en rolda de prensa para esixir “explicacións” por parte de Espinosa e do alcalde, Abel Caballero, porque “se se confirma” a participación da exministra nunha sociedade con sede en Panamá, sería “moi grave”.

A ese respecto, Marnotes lembrou que o propio Pedro Sánchez afirmou no seu día que expulsaría a un cargo do partido que tivese unha sociedade ‘offshore’. “Espinosa foi ministra socialista cando xa tiña cargos nesa ‘offshore'”, afirmou.

O portavoz do PP advertiu tamén de que Espinosa sería nomeada concelleira “sen que cesase dos seus cargos” nesa empresa, polo que estaría “en situación irregular”. Ao seu xuízo, o alcalde “debe investigar se ten unha concelleira incursa en causa de incompatibilidade”.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...