A Asociación Galega De Familiares e Usuarios De Residencias Vellez Digna denuncia a falla de coidados e a desatención sofrida na residencia DomusVi de Aldan, por unha usuaria encamada de 90 anos, que sufriu graves danos no pe e perna dereita “sen que na residencia lle prestasen atención sanitaria, nin a derivasen ao centro de saude, nin sequera deran aviso a súa familiar de referencia, porque aparentemente nin se decataron dos danos sufridos”.
Vellez Digna asegura nun comuinicado que o 5 de febreiro de 2022, P.R.B. de 90 anos, persoa encamada e totalmente dependente, ingresou temporalmente na residencia DomusVi de Aldán, “na cofianza e co compromiso, de que se atenderían todalas súas necesidades, durante este periodo, que foi de 17 días”.
Durante ese tempo a súa filla e familiar de referencia, comunicouse coa residencia cada dous días para interesarse polo estado de P.R.B. e a resposta dada pola residencia foi sempre a mesma “atopase moi ben, moi adaptada e sen ningunha incidencia”.
“Ao traela de novo a casa, descubriu o lamentable estado no que se atopaba a súa nai e a levou de inmediato ao servizo de urxencias do centro de saúde de Cangas, ante a sospeita de rotura do pe dereito”. Ao examinada alí, atopan deformidade no pe, con inversión do mesmo, edema no pe e dor á palpación, tamén rotacións dolorosas de cadeira e ombreiro dereito, ante a sospeita de rotura e/o luxación do pe dereito foi derivada ao hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
HEMATOMAS E CAÍDA
Toda a perna dereita presenta, ademais, un gran hematoma, que está evolucionando a peor e que, segundo o persoal sanitario que segue a súa evolución, semella ser o resultado dun golpe o caída. A entidade destaca que, en ningún momento se lle notificou dende a residencia ningunha incidencia dese tipo, nin de ningún outro, a súa filla e familiar de referencia, tratando de ocultar os danos.
Por todo isto, Vellez Digna decidiu denunciar o caso ante a Inspección de Maiores Discapacidade e Dependencia; a Dirección Xeral de Maiores e Personas con Discapacidade e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria, todos eles organismos dependentes da consellería de Politica Social. “Pedimos que se investigue, e se tome testemuño a familiar de referencia (cousa que o servizo de inspección non sole facer, preguntando so a versión da residencia e dando por bo o que lle digan)”.
“PROFESIONALIDADE, EMPATÍA E VOCACIÓN”
En resposta a esas acusacións, DomusVi negou tales malos tratos, e subliñou que, “en todo momento”, o equipo da residencia de Cangas “actuou con profesionalidade, empatía e vocación”, á vez que asegurou que “a comunicación coa familia foi constante e unha prioridade”.
Segundo explicou a empresa a Europa Press, o pasado 18 de febreiro, nun control rutineiro, o equipo de profesionais detectou “un pequeno hematoma” no xemelgo da muller, que “se lle tratou rapidamente” e ao que se fixo un seguimento durante os días posteriores. Así, indicou que, durante os días de estancia na residencia, a usuaria estivo “ben atendida polos profesionais, que fixeron os seguimentos e tratamentos médicos pertinentes”, segundo os protocolos establecidos.
“DomusVi quere deixar constancia de que non houbo ningunha mala praxe durante a estancia da residente, e todo o equipo do centro está a disposición da familia, así como de calquera autoridade que o requira, para atender calquera consulta respecto diso”, concluíu a empresa.