O director salmantino Javier Tolentino será o encargado de inaugurar este venres, coa proxección do seu traballo ‘Un blues para Teherán’, a 14ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu).
Este evento estenderase ata o 19 de setembro e constará de nove seccións, tanto competitivas como paralelas, nas que se repartirán os 128 curtos que se van a emitir no marco do certame. Como tronco principal do programa continúa a sección internacional, con dous países diarios entre o 13 e o 17 de setembro.
Pero ás proxeccións hai que sumar actividades complemetarias como talleres, concertos, coloquios, presentaciónes e, mesmo, a emisión do programa de radio ‘Carne crudaa’. Tamén se fará entrega do Premio Cinema Galego FICBueu 2021 ao actor Alfonso Agra.
O festival arrincará o venres 10 cun concerto do dúo Two in The Mirror no Centro Social do Mar. Alí mesmo, a continuación, proxectarase ‘Un blues para Teherán’ coa participación do propio Tolentino.
APOIO INSTITUCIONAL
O certame, xa unha cita tradicional do mes de setembro no municipio de Bueu, conta co apoio económico non só do Concello, senón tamén da Xunta e a Deputación.
Na rolda de prensa de presentación do FICBueu participaron este martes, ademais do alcalde, Félix Juncal; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a responsable de Cultura do goberno provincial, Victoria Alonso; e a xefa de produción do certame, María Ruiz.
Por parte da Xunta, Sutil incidiu no papel que xogan os festivais á hora de difundir o traballo dos profesionais galegos do cinema e a televisión, así como na creación de públicos.
Ademais, o director de Agadic resaltou o “esforzo” destes eventos para adaptarse a un contexto de pandemia, polo que lembrou algunha das medidas postas en marcha pola Administración autonómica para reactivar o sector cultural.
Cabe lembrar que o FICBueu está integrado no selo ‘Rías Baixas Filme Fest’ da Deputación de Pontevedra, institución que ademais levará ata o festival a súa campaña ‘Lembra, eu decido, ti respectas’ contra o acoso e a violencia machista.