InicioMedio Ambiente e PatrimonioAs Neves esixe á Xunta que free a expansión incontrolada do eucalipto

As Neves esixe á Xunta que free a expansión incontrolada do eucalipto

PUBLICADO O

- Advertisement -

Hai pouco máis dun ano que un lume devastador rodeou e cercou o concello das Neves –coma outros moitos do sur de Galicia–, tinguindo de negro todo arredor. Naquel momento e, como reacción ante aquela terrible situación, unha marea de mulleres e homes saíron daquelas cinzas para axudar, co seu traballo voluntario e desinteresado, á veciñanza naquelas necesidades primeiras e urxentes: facilitar auga potable ás casas, repartir comida para os animais, facer un recoñecemento da situación real, axudar nas reclamacións, escoitar… Pero aínda hoxe hai tarefas que seguen sen resolver e que van máis alá do que este grupo de voluntariado pode facer. Por iso, desde o Concello das Neves esixen maior implicación á Xunta.

Para o goberno local, a Administración ten que dar resposta xa a algunhas cuestións urxentes como a recollida de uralita e escombros, “pois todos sabemos das consecuencias e do gasto que isto supón, inasumible por parte dos particulares ou do concello”.

Tamén solicita “frear a expansión incontrolada do eucalipto nos nosos montes que, de seguir así, levaranos nuns anos a estar nunha situación igual ou peor á vivida [en outubro de 2017]”.

O Concello demanda, ademais, unha política forestal axeitada ao territorio e que “non responda somentes a intereses económicos dalgunhas empresas”; ampliar o número de axudas para a rehabilitación das segundas vivendas, así como eliminar trabas burocráticas e esixencias para solicitalas; facilitar asesoramento para a tramitación do cobro de axudas; valorar o patrimonio desaparecido e catalogalo, facilitando o seu coñecemento e reposición, de ser posible; ordenar a limpeza arredor dos cauces dos ríos e revisar o estado das traídas de augas e a súa organización e posta ao día.

O goberno local promete “seguir traballando, loitando e reclamando”, e recoñece o labor dos grupos de voluntarios, coma Voltea, en Ponteareas; Voluntarios de Arbo, Volsa en Salceda, Voluntarios de Guláns, Voluntarios do Freixo… e tamén das comunidades de montes de toda a zona que, “ao igual que as comunidades de montes das Neves, móstranse claramente decididas a traballar na recuperación da nosa contorna, cada un na medida das súas posibilidades e problemáticas, pero todos de maneira altruísta e decididida” para acadar “un cambio necesario na maneira actual de ver o noso monte, porque somos conscientes de que ou é coa nosa implicación, coa de toda sociedade, ou non será”.

Esta fin de semana o Concello das Neves iniciou a reforestación do Sendeiro dos Pescadores co obxectivo final de plantar un total de 10.000 árbores doadas pola empresa ONE OAK. Para esta primeira fase, na que oobxectivo é plantar os primeiros 1.500 árbores, contouse coa colaboración de máis de 100 voluntarios cada día.

ÚLTIMAS

O afundimento dun pesqueiro portugués en Bouzas obriga a despregar barreiras anticontaminación

O afundimento dun pesqueiro portugués abandonado, que se atopaba atracado na dársena de Bouzas,...

Vigo convértese no epicentro da oncoloxía de precisión coa reunión de 150 expertos nacionais

A sede de Afundación en Vigo acolle este xoves e este venres o VIII...

A comunidade educativa mobilízase en seis concellos da área de Vigo contra os recortes no ensino

Federacións de Anpas, Asembleas Abertas do Ensino Público e outros colectivos da comunidade educativa...

Caballero levará ao Goberno as “trampas” da RFEF e acusa á Xunta e ao PP de frear a candidatura de Vigo ao Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou que manterá o próximo 2 de marzo...