O goberno municipal de Vigo aprobou este xoves en solitario a modificación de crédito para investir 33 millóns de euros, procedentes de remanentes de tesouraría, no medio centenar de actuacións na cidade, maioritariamente “humanización” de rúas.
Nunha sesión extraordinaria, o pleno deu luz verde -cos votos a favor do PSOE, a abstención do PP e o voto contrario de Marea de Vigo e BNG- a unha modificación de crédito que permitirá investir 33 millóns de euros en actuacións como a reforma de varias rúas, melloras de eficiencia enerxética, instalación de ramplas e ascensores, construción da biblioteca en Teis, finalización da Vía Verde ata Chapela, cubrición de patios de colexios e o desenvolvemento do ámbito da antiga Panificadora.
O concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu esta modificación, froito da “boa xestión” que o goberno local fixo “dos aforros” dos vigueses, e que permitirá facer de Vigo unha cidade “máis habitable e sustentable”, grazas a un “investimento produtivo”. E subliñou que as actuacións previstas permitirán “reactivar a economía” da cidade, xa que son obras “xeradoras de emprego e riqueza”. “Isto é o que quere Vigo”, sentenciou.
CRÍTICAS DA OPOSICIÓN
O portavoz do grupo socialista, Carlos López Font, rexeitou as críticas da oposición que demandaban usar eses remanentes para “gasto social ou para axudas a comerciantes e hostaleiros”, e incidiu en que esas áreas de actuación son competencia da Xunta e sinalou que estas obras “son o que mandataron os vigueses” cando deron o seu apoio maioritario a Abel Caballero nas últimas eleccións municipais.
Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, lamentou que o goberno local expoña estes investimentos “para unha cidade que xa non existe” tras a pandemia de COVID e criticou que “non se contemplan partidas para servizos sociais ou axudas para pemes, comerciantes e hostaleiros”.
Mentres, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, presentou unha proposta alternativa, que foi rexeitada, para destinar ese diñeiro a outros fins, como axudas extraordinarias para os sectores económicos que máis sofren as consecuencias da pandemia, axudas á cultura, axudas para garantir vivendas a familias vulnerables, ampliación dos sistemas de atención social, ou recursos para os colexios públicos.