InicioDeportesMedran os obstáculos, o malestar e ata as setas nas Pistas de...

Medran os obstáculos, o malestar e ata as setas nas Pistas de Balaídos

PUBLICADO O

- Advertisement -

Cada vez máis formacións políticas consideran “denunciable” a situación actual das pistas de Balaídos. Aos argumentos defendidos por Ciudadanos ou o BNG ao respecto xa hai que sumar os de Marea de Vigo.

Deste xeito, o grupo municipal vén de “lembrar” ao goberno local que a atleta internacional Nediam Vargas solicitou o traslado de Vigo a Guadalajara “ante as limitacións das pistas para a realización adecuada dos exercicios”.

“O estado das instalacións, tanto as interiores coma no exterior, xunto á propia xestión do espazo, traducida en horarios insuficientes e unha serie de ‘normas’ sen sentido, fan incompatible o espazo coas necesidades das e dos deportistas”, denuncian dende Marea de Vigo.

O grupo considera que este ano o goberno municipal non tiña escusas para facer fronte ás reformas necesarias e mellorar a xestión, xa que o decreto-lei que permitiría empregar o superávit en novos destinos nas chamadas inversións financeiramente sostibles (o acordado polo alcalde de Vigo como presidente da FEMP e o ex-ministro Montoro a primeiros de 2018) permitía empregar o superávit de 2017 en Instalacións deportivas.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

“Era un bo momento para inverter nesta infraestrutura municipal absolutamente esquecida e cun claro risco ademais para as e os deportistas que fan uso delas, sumado isto ás limitacións horarias de apertura impostas polo goberno local e o IMD, que supoñen un “obstáculo máis” ao desenvolvemento deportivo e prestixio da cidade de Vigo nos circuítos de atletismo do estado” sinalou Rubén Pérez, voceiro do grupo municipal da Marea de Vigo.

Como exemplo, Marea de Vigo pon a pista deportiva de Elviña na Coruña, onde un acordo entre Concello, Deputación e Universidade permitiu a recente reforma integral da infraestrutura.

Pistas de atletismo de Balaídos (Primavera de 2018)

“Pola contra en Vigo, o PSOE, desde o goberno municipal e a Deputación, semella só está interesado en soterrar centos de miles de euros da propia Deputación no estadio de Balaídos, que emprega en réxime de monopolio un club privado de fútbol, tendo ao lado unha infraestrutura en estado lamentable e pola que pasan centos de deportistas de base e de elite”.

Do mesmo xeito, desde o Concello tamén chegou a anunciarse, xa hai dous anos, ‘unha reforma integral co módulo cuberto, remodelación da grada e reforma de las pistas’ na que un equipo redactor ‘xa estaba traballando’, segundo dixo o concelleiro de deportes. “Dous anos máis tarde, nada se materializou e as pistas atópanse en peores condicións cada día que pasa“, selan.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

Condenan a 2 anos de cárcere a unha americana que estafou máis de 158.000 dólares a unha firma viguesa de produtos do mar

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolleu este...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...