Pablo Martínez Alemparte no Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF).
Pablo Martínez Alemparte no Observatorio Astronómico de Forcarei (OAF).

Falamos con Pablo Martinez Alemparte vicepresidente da Agrupación Astronómica Rías Baixas (AARB) adicada dende o ano 2000 á divulgación da ciencia en xeral e da astronomía en particular. Un punto de encontro para as persoas interesadas na observación do ceo que entre outras actividades organizan charlas e encontros de observacións para todos os públicos; e nestes tempos de confinamento lanzan propostas na rede para propoñer actividades dende o balcón.

Como crees que afectou o confinamento ás persoas non practicantes da astronomía. Crees que puido espertar un maior interese á contemplación do ceo?

É antropoloxicamente, moi curioso. Historicamente o ser humano tiña en conta o ceo para medir os tempos, para orientarse nos desprazamentos e para plasmar na bóveda celeste o seu ideario mítico e relixioso, era unha paisaxe mais da vida das sociedades humanas. As tecnoloxías contemporáneas fixeron que pouco a pouco nos desligásemos das cousas do ceo ate tal punto de existir moito descoñecemento do que podemos observar simplemente cos nosos ollos. Parece que o feito de estar confinados en casa e ter tempo para saír ás nosas fiestras a airearnos provocou que moita xente levantase a cabeza cara ao ceo e en certo modo re conectase, alomenos temporalmente, coa realidade desa paisaxe astronómica esquecida e como consecuencia inmediata volveu a facerse preguntas sobre: que é o que estou observando brillar no ceo?.

Dos vídeos que circulan pola rede estes días hai dous casos moi repetidos. Un é o caso de Venus, e o outro o dos “novos corpos celestes” en movemento. Que é o que está vendo realmente a xente?

Efectivamente comprobamos como determinados fenómenos están chamando a atención da poboación. Por unha parte o planeta Venus mirando cara o Oeste trala posta de Sol, é o terceiro corpo mais brillante do ceo tras o Sol e a Lúa e por iso chama tanto a atención. Leva por esa zona do ceo dende fai meses antes do confinamento, pero pasou desapercibido para moita xente ata estes momentos que vivimos.
Entre as luces que se moven temos por unha parte a Estación Espacial Internacional (ISS), a estrutura máis grande que a Humanidade ten en órbita e que observamos como un luceiro brillante que se despraza pola bóveda celeste. Nos derradeiros meses ademais puxéronse en órbita mais de 400 satélites Starlink por parte da empresa SpaceX. Obsérvanse como puntiños seguidos en formación o cal é realmente chamativo. A idea de Elon Musk con Starlink é a dunha rede mundial de cobertura de internet por satélite de baixa latencia.

Como está a afectar ese despregamento dos Starlink ao mundo da astronomía? Vaise poder seguir estudando o ceo deste xeito?

Existe preocupación na comunidade Astronómica Profesional polo impacto que poidan ter as mais de 12000 unidades de satélites Starlink previstas no proxecto. Ademais do impacto visual que supón ter satélites en todo momento transitando polo ceo, existe a preocupación acerca de como pode interferir isto cos instrumentais de observación e de investigación que se empregan nos observatorios tanto ópticos como radio astronómicos.

E ao mundo da fotografía nocturna? Volveremos a ver unha fotografía como a do banco de Loiba de Daniel Caxete?

Estanos afectando aos astro fotógrafos tanto profesionais como xa que se no medio dunha exposición fotográfica longa, transitan satélites, estes quedarán reflexados na foto como unha traza luminosa. Tamén é certo que a partir de certa hora, inda que os satélites sigan transitando o ceo, estarán metidos na sombra que proxecta a Terra (non receben a luz do Sol) e polo tanto non son visibles. Neste sentido as interferencias coa fotografía nocturna e a astro-fotografía prodúcense sobre todo nas primeiras horas da noite e nas inmediatamente anteriores ao amencer.

Starlink preto do cometa Atlas
Foto de Zdenek Bardon 19 abril de 2020 na República Checa

Cres que vai mudar o ceo tal e como o coñecemos actualmente, é dicir a xente confundirá estrelas con satélites dado o volume de despregamento que pretende SpaceX?

Indubidablemente, de feito xa mudou, estamos a observar un tráfico de satélites que fai apenas seis meses existía pero era moito menor. Non tanto confundir con estrelas porque os satélites teñen un movemento propio que os delata claramente.

Existe algunha iniciativa a nivel global en contra deste despliege?

Existe a petición por parte da UAI (Unión Astronómica Internacional) de avaliar o impacto que poden ter na investigación e na preservación do ceo nocturno como Patrimonio da Humanidade estas “constelacións de satélites”. Solicítase sobre todo un regulamento, xa que á rede que está a por en marcha SpaceX sumaránselle as redes de empresas competidoras e entón si que a cousa será moito mais delicada.Tamén existe a promesa por parte de SpaceX de ir implementando medidas que atenúen o impacto dos Starlink, o problema está en que entre que se implementan e funcionan ou non estas medidas, as órbitas seguen a encherse de artefactos.

Se a web de Heavens Above non falla, estes días poden volver a verse (nubes mediante) polo ceo de Galicia os Starlink.

O tren de satélites lanzados o pasado día 22 fará un pase visible dende Galicia sobre as 22:00 estes días e como están recen postos en órbita, é bastante espectacular porque irán as 60 unidades moi pegadiñas e en liña recta case perfecta. É un pase moi baixo sobre o horizonte Norte-Nordeste por debaixo das constelacións de Casiopea e Cefeo o que pode dificultar a súa observación. Pero xa vos adianto que se cadra non tan pegadiños, pero imos ver Starlinks todas as noites.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here