A Cañiza celebra esta fin de semana do 16 ao 17 de marzo a festa gastronómica que pecha a tempada de inverno: o Lacón con Petelo. Unha festa con sabores do pasado que pretende non só enxalzar a rica gastronomía desta zona de media montaña, senón tamén recuperar as tradicións, os oficios e a cultura musical dos nosos antepasados.
Durante esta fin de semana, A Cañiza recupera o mellor da gastronomía das décadas do 40 ao 50 do século pasado, cunha das receitas que fixeron posible a supervivencia dos cañicenses nos difíciles tempos da postguerra española: o lacón con petelo.
Un prato forte, sobrio e cheo de sabor que durante os días 16 e 17 de marzo todos os que nos visiten poden probar en forma de tapa na gran carpa que o Concello ten instalada na súa Praza Maior.
Novamente a Asociación Furafollas de Oroso se encarga de cociñala e servila ao prezo de 4 euros, con agasallo incluído en forma de cazola de cerámica. Un apetitoso aperitivo que servirá para abrir boca, pero que despois se poderá completar con calquera dos menús que ofrecen os restaurantes de A Cañiza.
A carpa da Praza Maior estará ambientada na década da postguerra e nela estará instalada a cociña e o comedor. Tamén neste emprazamento se desenvolverán os obradoiros infantis de manualidades e de fabricación de pan, bicas e doces.
E como se trata de festa, non pode faltar a música tradicional a cargo dos grupos da zona Os Furafollas de Oroso, Santa Cristina de Valeixe e o grupo Folck Os do Cruceiro. Tampouco a actuación do Grupo Ronco & folk de Ponteareas. Eles serán os encargados de amenizar esta gran festa de inverno que rematará o domingo cunha gran chocolatada con biscoitos .
O petelo é o produto que se obtén de amasar a fariña de millo na auga do caldo. Unha vez feita a masa, elabórase a golpes unha peza redonda apelmazada que se mete no caldo, sen ningún elemento fermentador, para que coza ao mesmo tempo e así absorba todos os sabores dos ingredientes do cocido que é o que o fai especialmente saboroso. O tempo de cocido é de 15 minutos aproximadamente.
Sérvese na comida galega cortado en liscos de 2 centímetros, mesturado co lacón, chourizo, cacheira de porco, berzas e patacas.
A preparación do petelo ten unha singularidade que é o moído da fariña de millo. Cando se moía o millo nos muíños do río, a fariña máis fina que esbaraba do pé do muiño era a que se recollía en sacos aparte para facer as papillas dos críos e tamén para elaborar os típicos petelos. Esta fariña fina tamén se chamaba fariña do gomo e diferenciábase da fariña máis gorda que se utilizaba para outros mesteres.
O petelo é un produto da postguerra, ao que se acudiu para paliar as necesidades e escasezas que axexaron ás familias unha vez finalizada a Guerra Civil española. Os cañicenses, grazas á abundancia de millo nestas terras, tomaron este elaborado para substituír a outros alimentos.
Os nosos maiores tamén lembran que antigamente o que sobraba do mediodía aproveitábase na cea da noite. Se rehogaba e recalentaba de novo o petelo na tixola, cociñándoa coa graxa de fritir os chourizos e os ovos.
Coa celebración desta festa que practicamente pecha a época invernal, preténdese conseguir dous obxectivos: potenciar o gusto pola comida tradicional galega, recuperando un costume case esquecido e converter o evento nunha plataforma para promocionar a hostalería da Vila que está apoiada por contar con excelentes produtos cárnicos, ao posuír, A Cañiza, un microclima especial que permite que o curado das carnes do porco consiga un nivel de primeira calidade.
Así A Cañiza completa a oferta gastronómica do xamón coa celebración de dúas festas: unha no inverno e outra no verán, a Feira do Xamón que este ano alcanzará a súa 53 edición e celebrarase o 15 de agosto.