Suso Vila e técnico da Catedral de Tui e un dos principais portavoces da candidatura deste municipio para entrar na rede de xuderías de España. Con el falamos do pasado xudeu da vila, da habilidade destes para o comercio ou das persecucións relixiosas ao longo da Historia, así como da posibilidade de crear unha ruta xudía transfronteiriza entre Galicia e Portugal.
P- Cada día, Tui está un paso máis cerca da súa aceptación. Foi un longo camiño?
R- O Concello de Tui xa leva anos preparándose para conseguir este obxectivo, pero a rede de Xuderías non estaba aberta aínda a novos membros. Por fin, expuxeron as condicións a comezos do pasado mes de xullo, e este mesmo xoves á noite esperamos aprobar a solicitude no pleno municipal, con políticos de distinto signo colaborando dende hai anos na causa.
P- Cales serían os beneficios directos da entrada na rede de Xuderías?
R- Monforte e Ribadavia xa levan adscritas a ela desde a súa Fundación nos 80. Polo tanto, a entrada de Tui sería un paso máis na creación dunha ruta galaica-portuguesa, e o establecemento de proxectos comúns.
P- Cando e como chegan os xudeus a Tui?
R- Nos séculos XI e XII, fuxindo dos almorábides. Decidiron refuxiarse nas cidades do norte, ante o empuxe destes radicais relixiosos. No século XII xa están consolidados en Tui, de feito construiuse unha sinagoga pegada á muralla. Coa conquista almorábide, rompérase o famoso equilibrio relixioso na Península, arremetendo os musulmáns contra cristiáns e xudeus.
P- Entón, os xudeus perseguidos elixen Tui.
R– Nestas circunstancias, era un bo destino: sede episcopal, o que aseguraba o comercio; lugar de comunicacións norte-Sur, con camiños que chegaban desde A Coruña; e un porto importante para a época. Aquí viviron os xudeus durante a Idade Media ata a expulsión de 1492.
P- Agora queren rehabilitar a vila para recordar este pasado.
R- E este proceso deparará moitas sorpresas. Consérvase a sinagoga na bodega dunha casa. A entrada da cidade de Tui, a porta da Pía, debe o seu nome á comunidade xudía porque a carón desta estaba o barrio xudeu, do que se conservan vivendas como a de Salomón ou a dos Capeláns, cos rostros de Moisés e Aarón.
Ao norte, está a Torre do Xudeu. Probablemente existiu alí un segundo núcleo xudeu na vila, no século XIII. Detrás da Catedral, estaba a antiga carnicería xudía, a única documentada de Galicia, desaparecida tralas guerras feudais que asolaron Tui.
Por outra banda, do seu regreso nos séculos XVI e XVII temos por exemplo os sambenitos da Catedral de Tui, os únicos conservados en Galicia, unha peza extraordinaria.
P- Pero finalmente os xudeus son forzados a abandonar Tui, a onde acuden?
R- Marcharon ao resto de Europa, moitos cruzaron a fronteira con Portugal. Porque os lusos non os expulsaban, simplemente os forzaron a practicar en segredo o xudaísmo. Estes “conversos” portugueses, moitos deles galegos, deron forma á sinagoga de Ámsterdam.
P- Hoxe en día, este tipo de persecucións relixiosas resulta ridícula.
R- É interesante recordalo. Como non só te condenaban a ti, senón a toda a túa familia e descendentes, illados da vida social por antecedentes xudaicos.
P- Vostede escribiu o libro “Os xudeus en Tui”. Cantos anos leva estudando este tema?
R- Publiquei por primeira vez en 2003. Ata a miña segunda publicación unha década despois, foron anos de investigación. Sucedéronse conferencias por toda España sobre o fenómeno xudeu, que está sen estudar profundamente.
P- A expulsión dos xudeus no século XVII, cando enriquecían o comercio da zona, lastrou a economía tudense?
R- É un fenómeno que afectou a todo o Sur de Galicia: Tui, Salvaterra, Vigo, Baiona, Pontevedra… No século XVI, o tráfico internacional de Baiona chegaba a Ámsterdam, Amberes… E, de súpeto, cortan iso.
Grazas aos contactos dos sefardís estábamos no xogo comercial con Europa. Tui estaba esnaquizada polas guerras medievais, e adquiriu un novo pulo no século XVII, e o protagonismo é deles.
P- Por que este resentimento?
R- Os “Estatutos de sangue” de Tui de 1601 xa foran un intento limitar o acceso a certas congregacións a quen contara con “antecedentes xudeus” varias xeracións atrás no tempo. Teoricamente, xa non podías acceder a postos importantes.
Querían evitar a toda costa a chegada das familias xudías aos postos de poder, posto que moitas delas, como os Sarabia, eran poderosas no comercio, e demandaban tamén poder social.
Os cristiáns querían a exclusividade do poder. A nobreza nunca tivo problemas co xudeu, posto que non os vían como unha ameaza. Pero as familias urbanas si padecían este temor, de alí os Estatutos, que quedaron en papel mollado, posto que os xudeus falsificaban os seus documentos, podían pagalo. E acababan chegando sempre aos postos. A “limpeza de sangue” non foi “efectiva” en España.
P- A rehabilitación do barrio xudeu pode afectar positivamente ao resto da vila?
R- Queda moito por facer, e recuperar os barrios xudeus supón rehabilitar o casco vello de Tui, a parte medieval e a do século XVI. A nivel internacional, sería tamén un cambio importante para o municipio, descoñecido a nivel turístico. Non se está a fomentar, quedando por detrás do Camiño, as praias… En xeral, Tui é marxinado no turismo cultural.
E a entrada da vila na rede favorecería tamén a Ribadavia, Monforte e a rede portuguesa. Ao outro lado da fronteira, non están moi conservadas as edificacións, mais hai moito “criptoxudaísmo”, que se conservou ata os nosos días, no segredo das familias.
P- O que falábamos: unha gran rede turística do xudaísmo na Península.
R- Se un turista aterriza en Oporto, pode subir a Galicia, pasar por Chaves e Bragança… Cando a ruta consiga ser o suficientemente atractiva, poderá xustificar semanas de estadía.
P- E, por último, ten moito de certo o mito dos xudeus como grandes comerciantes?
R- Hai dous motivos: o primeiro, que o comercio era visto como denigrante para os cristiáns, non era algo positivo nin honrado. Entón as familias xudías comezan a acaparar o comercio.
Ademais, tiñan contactos a nivel rexional e internacional, algo pouco común nesa época. Chegaban ata Istambul. Xa na Idade Media, se movían por toda a provincia e Portugal. Marchaban, volvían… E das súas viaxes traían novos produtos, pouco coñecidos, e por tanto cotizados.
Os contactos e as relacións familiares eran clave. Aínda hoxe conservan esa identidade. No século XVI-XVII tódolos conversos buscaron o apoio familiar e étnico. Os xudeus, polo xeral, teñen moi acentuado o sentido da hospitalidade, “de dar”, axudar ao próximo, máis que os cristiáns. As diferentes liñas de apoio axudáronlles a progresar.