InicioSen categorizarCoñece as iniciativas de Arbo, Bueu, Tomiño, Salvaterra e Tui para o...

Coñece as iniciativas de Arbo, Bueu, Tomiño, Salvaterra e Tui para o 25-N

Este domingo celébrase o Día Internacional da non violencia contra as mulleres, e os diferentes concellos da contorna protagonizan diferentes iniciativas para concienciar á sociedade.

PUBLICADO O

O domingo 25 de novembro celébrase en todo o mundo o día contra a violencia ás mulleres, conmemorando o triplo asasinato da irmás Mirabal durante a ditadura de Leónidas Trujillo na República Dominicana.

Hoxe en día, esta data trascendeou como unha denuncia a calquera tipo de violencia contra a muller. Estamos nunha semana de reivindicación en toda Galicia, mais nesta peza vos propoñemos as iniciativas levadas a cabo en Arbo, Bueu, Tomiño, Salvaterra e Tui.

arbo

Enmarcada dentro do programa “ Outono Cultural”, o Concello de Arbo pecha o mes de novembro co transfondo social de concienciación na loita contra o machismo e a violencia de xénero. Durante esta semana están a organizarse varios talleres e actos reivindicativos co obxectivo de involucrar a toda a sociedade na loita contra este tipo de violencia.

O Concello de Arbo conmemorará o Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o vindeiro domingo 25 de novembro, cunha xornada que arrincará ás 10:00 horas con unha “andaina contra a Violencia de xénero” que sairá desde a Praza do Concello e fará un percorrido circular de 8 quilómetros.

Ás 13:00 horas terá lugar a lectura dun manifesto e establecerase un gran punto lila onde se repartirán lazos e chapas conmemorativas e onde teñen cabida todas as persoas de Arbo que se sumen ao desexo de “dicir non” á violencia de xénero.

As mulleres saen á rúa indignadas trala sentenza á “Manada” / Miguel Núñez

Como antesala a esta gran xornada, o mércores día 22 os alumnos de primaria do C.E.I.P. Antonio Carpinteiro de Arbo participarán en talleres e varias actividades de compromiso e sensibilización.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, destaca que visitar esta localidade no outono supón unha oportunidade perfecta para contemplar unha paisaxe que nesta época do ano se volve espectacular, non só nos campos e viñedos, senón tamén nos parques e carreiros, como a nova senda que permite contemplar a beleza do río Miño.

tomiño

Mañá mércores 21 de novembro chega ao mercado de Tomiño a exposición ‘Re(i)xas. Mulleres baixo o terror franquista’, a historia de 172 mulleres da provincia represaliadas durante a ditadura franquista.

Unha mostra de balde, organizada pola Deputación Provincial, coa colaboración do Concello, e que será inaugurada ás 12.00 horas pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal Fariña e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González. A exposición estará aberta até o día 9 de decembro no primeiro andar do mercado, nos horarios habituais de atención ao público.

Ademais, o Concello de Tomiño súmase por segundo ano consecutivo, á campaña “En Negro contra as violencias 2018”. Durante o mes de outubro e novembro, dende a Oficina Municipal de Igualdade fóronse perfilando as distintas accións da campaña deste ano, contactando individualmente con establecementos da vila, e anunciando a chegada do material que será repartido por espazos privados e públicos.

O xoves 15 de novembro comezouse a repartir o material polos establecementos do municipio. Ademais, está previsto un acto oficial para a lectura dun manifesto o día 23 de novembro ás 19.00 horas na Praza do Seixo.

bueu

Un total de cento cincuenta establecementos bueueses únense á campaña “Bueu en negro contra as violencias machistas”, e por iso durante esta semana os escaparates e demais espazos públicos e privados vítense de loito como símbolo de protesta contra as violencias machistas.

Dende o seu inicio en 2015, esta campaña foise expandindo por toda Galicia, e hoxe son xa 85 concellos adheridos e 3 deputacións provinciais. No 2017, a participación de establecementos, negocios, asociacións, centros educativos, e axentes sociais foi masiva.

Bueu libre de violencias machistas/ Concello de Bueu

Así, os comercios e lugares públicos xa cubriron os seus espazos co material da campaña, que en letras brancas sobre fondo negro, co logotipo creado especialmente pola deseñadora Uqui Permui, reflicten a orixe da violencia machista e as súas consecuencias.

O Concello de Bueu adheriuse este ano por primeira vez á campaña, co gallo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres, e desde o Centro de Información ás Mulleres informouse a todos os establecementos da vila para realizar unha protesta conxunta.

Desde a área de igualdade alertan de que “no que levamos deste ano, 43 mulleres perderon a vida a mans das súas (ex) parellas, e tres eran da nosa Comunidade Autónoma, o que esixe unha resposta unánime da sociedade de rexeitamento de todas as formas de violencias machistas”.

Nas redes sociais do Concello de Bueu iranse publicando durante esta semana as imaxes dalgúns escaparates participantes, e convídase a que desde os locais compartan as súas fotos e as envíen a comunicacion@concellodebueu.gal. A listaxe completa de establecementos participantes pode verse na páxina web da campaña.

Con motivo do Día Internacional da Non Violencia Contra as Mulleres estase organizando unha programación que, ao igual que en anos anteriores, ten como eixe vertebrador aos máis pequenos e pequenas. O acto central terá lugar o vindeiro venres, 23 de novembro, cando terá lugar a concentración en memoria das vítimas da violencia machista ás 11.45 h na Praza do Concello e, a continuación, no Centro Social do Mar, alumnado do CPR Virxe Milagrosa realizará a Declaración Conmemorativa desta data seguida da entrega de premios do XVI Concurso de carteis.

Bueu libre de violencias machistas/ Concello de Bueu

Tamén se están organizando obradoiros de novas masculinidades nos centros de primaria e secundaria da vila, e xa o pasado venres o Cineclub Bueu proxectou Lady Macbeth, un filme de William Oldroyd que plasma na pantalla a asfixiante atmosfera de séculos de opresión silenciosa á muller.

Por último, a Biblioteca Municipal Torrente Ballester conta cunha exposición de libros relacionados coa violencia machista e outros que teñen as mulleres como protagonistas.

salvaterra de miño

O Concello de Salvaterra de Miño únese tamén un ano máis á campaña en Negro contra a Violencia de Xénero. Ademais fai un chamamento a veciños e aos negocios da vila a unirse, ventíndose de negro, tendendo roupa negra nos tendais, con panos negros nos balcóns, vestindo os escaparates en negro, e en xeral mostrando a súa repulsa a estes actos, dándolle protagonismo a todos os que queiran participar do 19 ao 25 de novembro, en sinal de dor polas mulleres que morreron vítimas desta lacra e polas que a padecen.

Ademais, o día 23 farase a entrega dos premios do Concurso de eslógans contra a Violencia de Xénero organizado cos rapaces e rapazas do IES Salvaterra de Miño, e a continuación ás 12.00h gardarase un minuto de silencio polas vítimas e lerase un manifesto en defensa da libertade e non violencia.

tui

O Servizo de Prevención do departamento de Servizos Sociais do Concello de Tui está a realizar ao longo deste mes unha serie de obradoiros no que participan 230 alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO do IES San Paio, do IES Indalecio Pérez Tizón e do Colexio Maristas Santa María.

O obxectivo é abordar a prevención da violencia de xénero dende a adolescencia, sentando así as bases para erradicar esta lacra social. Amais o venres 23, sábado 24 e domingo 25 o edificio da Área Panorámica vaise iluminar de lila simbolizando así a loita contra a violencia contra a muller.

Os estudantes do IES A Sangriña fan un graffiti en galego en contra da violencia machista contra as mulleres / Concello de A Gurarda

Tamén durante a semana do 19 ao 25 de novembro está levándose a cabo dende o Concello de Tui o reparto de información, carteis, trípticos da campaña “Fronte a violencia de xénero só cabe unha reposta, sen ningún xénero de dúbida. Non” promovida pola Xunta de Galicia.

Nas fachadas da casa do concello está colgada unha pancarta cun gran lazo lila e o texto “25 de novembro, Día Internacional da Violencia contra a muller”. As actividades culminarán o propio domingo 25 de novembro ás 12h na praza do Concello coa lectura dun manifesto por parte do alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín.

ÚLTIMAS

Outro motorista, de 21 anos, morre tras chocar contra un coche en Gondomar

Un mozo, I.D.L. de 21 anos de idade, perdeu a vida na madrugada deste...

O Porto de Vigo segue batendo marcas

O Porto de Vigo pechou o primeiro trimestre do ano batendo a súa marca histórica de...

Outra vez retencións na AP-9 ao seu paso por Vigo por un accidente entre dous camións

Un accidente entre dous camións na autoestrada AP-9 ao seu paso por Vigo provocou longas retencións...

Catro anos de cárcere para un agresor sexual reincidente que agarrou as nádegas e bicou a unha menor nun portal de Vigo

A Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo unha pena de catro anos de cárcere para...