O pleno do Concello de Vigo aprobou este luns a concesión dunha bolsa de 205 euros para todos os alumnos de primaria e secundaria da cidade dirixida ao pago dos libros de texto do curso académico actual.
Tal como reivindicou o alcalde, Abel Caballero, a “elevada inflación” e a situación económica actual require dunha mobilización de recursos para apoiar ás familias e aos cidadáns. Por iso, desde o Concello propúxose esta axuda para libros de texto, como no seu día xa se fixo desde o Goberno bipartito do PSOE e BNG, segundo lembrou Caballero.
Pola súa banda, partidos da oposición, estando de acordo con axudar ás familias que o necesitan, criticaron que se trate dunha bolsa igual para todos, sen varemos de renda. Neste sentido, o concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, lamentou o “Ayusismo” de Abel Caballero (en referencia á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso) e pediu que o Concello “dea máis a quen máis o necesita”.
Na mesma liña falou Marea de Vigo. O seu portavoz, Rubén Pérez, lamentou que precisamente estas bolsas sexan para todas as familias por igual. “Haberá familias que hai que darlle mil euros e a outras, 50”, subliñou, tras o que reprochou que se vaian a ingresar en marzo, xusto en precampaña electoral.
Pola súa banda, Alfonso Marnotes, do PP de Vigo, preguntouse por que precisamente é este ano, cando hai eleccións, é cando se utilizan os remanentes para as axudas aos libros, se xa había máis de 100 millóns en 2020 e en 2021 e non levou a cabo. Marnotes pediu que se reduza a presión fiscal dos vigueses e criticou que non se tratan de axudas para a compra de libros, porque “xa foron comprados en setembro” e este diñeiro non chegará ata marzo.