A sede da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) en Vigo acolleu este venres o acto de ‘lanzamento’ de proxectos da convocatoria da aceleradora transfronteiriza CoLogistics para dar resposta aos retos loxísticos de máis dunha vintena de empresas de Galicia e do Norte de Portugal.
A convocatoria pechouse en setembro coa participación de máis dunha vintena de empresas ‘tractoras’ de Galicia e Portugal que expuñan 22 retos relacionados co ámbito loxístico, e coa presentación de 40 proxectos para dar resposta a esas demandas. Na xornada deste venres fíxose o ‘lanzamento’ das 17 ideas preseleccionadas.
O próximo 8 de novembro está previsto que o comité executivo da CBA (CoLogistics Business Accelerator), conformado por CEP, AEP e Igape, revelen os nomes dos 14 proxectos aos que finalmente se adxudicará a resolución dos retos.
O presidente da CEP, Jorge Cebreiros, valorou como un éxito esta primeira convocatoria da aceleradora, cuxo resultado “superou as expectativas” inicialmente expostas, e subliñou que esta iniciativa non só pon en valor a cooperación entre o público e o privado, senón tamén a colaboración entre entidades a ambos os dous lados da fronteira.
Pola súa banda, o responsable do Igape, Fernando Guldrís, sinalou que actuacións como esta permitirán incrementar a competitividade en materia de loxística transfronteiriza, á vez que lembrou que esta actividade é “clave para a mobilidade empresarial” e que, de feito, en Galicia hai unhas 12.000 empresas dedicadas á loxística, que dan emprego a case 50.000 persoas e facturan uns 2.300 millóns de euros anuais.
Finalmente, o presidente do Porto de Vigo, Jesús Vázquez Almuíña, destacou que a CoLogistic Business Accelerator é unha ferramenta “moi interesante” no actual contexto de crise global de subministracións.