InicioSociedadeTomiño homenaxea a Clementina "Tinita" Ozores, a profesora que percorreu os cinco...

Tomiño homenaxea a Clementina “Tinita” Ozores, a profesora que percorreu os cinco continentes

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Concello de Tomiño dedica este ano o Acto Cívico do Alivio a unha distinguida veciña de Goián, Clementina “Tinita” Ozores, licenciada en Filosofía e Letras, profesora de inglés de secundaria xubilada e viaxeira empedernida, que percorreu os cinco continentes e segue activa na actualidade, colaborando en diferentes iniciativas de interese cultural e social da súa parroquia e Concello.

Tinita Ozores (16 de decembro de 1929) veu ao mundo na casa familiar da Praza de Goián. Filla de Juan Ozores e Ermesinda Ozores, foi a penúltima de cinco irmáns que a súa nai criou ao tempo que rexentaba o negocio familiar, mentres seu pai facía as américas no Brasil.

A guerra complicou as cousas, a posguerra fixo dos rexistros e das aprehensións, unha
constante. Mais naquel Goián que ollaba para o río, o Miño foi permeable a un novo xeito de vivir: o contrabando. O pisco, como lle chaman no lugar, abriu unha época dourada ás
economías asfixiadas pola autarquía da ditadura franquista.

Tinita comezou a vida universitaria en Farmacia, como fixeran as súas irmás Maruja e Angelina. Mais decatouse de que a súa paixón era a arte. Así que deixou Farmacia e matriculouse en Filosofía e Letras onde se licenciou no ano 1953.

Continuou en Santiago para seguir os cursos de doutoramento, e presentou a súa tese de licenciatura sobre o coro da catedral de Tui. Un traballo punteiro na época e que pese os seus anos segue a espertar interese no mundo da arte.

“Tinita” Ozores/ Concello de Tomiño

Mentres inicia a súa tese de doutoramento, imparte clases no instituto de Tui; labores que interrompe para viaxar a Inglaterra, establecéndose nun primeiro momento, en Londres e despois en Oxford.

No ano 1967 regresa para retomar a docencia, agora como profesora de inglés en varios institutos até a súa xubilación, no ano 1996, no IES Alexandre Bóveda (Vigo).

Tinita fixo a súa primeira grande viaxe en 1970. Nunca o esquece porque foi cos seus primeiros aforros. O destino: Xapón. Ao outro lado do mundo que coñecía, un lugar exótico e de cultura diferente para unha occidental. Fixo a viaxe soa. Dende entón ten percorrido os cinco continentes.

Na actualidade, Tinita Ozores é membro da Asociación Antonio Fernández e continúa
colaborando activamente en diferentes iniciativas e proxectos de interese social e cultural.

ÚLTIMAS

Buscan en Nova Zelandia a un mariñeiro galego que viaxaba a bordo dun palangreiro con base en Vigo

Efectivos de procura tratan de localizar a un mariñeiro galego, un xefe de máquinas...

Trasladada ao hospital con queimaduras unha veciña de Vigo tras un incendio na súa vivenda

Unha veciña de Vigo foi trasladada ao Hospital Álvaro Cunqueiro ao resultar ferida, con...

Vigo tomado por miles de “papanoeles” con fins solidarios

A tradicional "Papanoelada" de Vigo volveu a encher a cidade olívica de vehículos de...

Achan a 2 persoas falecidas en senllos pisos en Vigo, sendo necesaria a intervención dos bombeiros para abrir un

Dúas persoas foron achadas mortas na mañá deste venres en Vigo en senllos pisos...