InicioDeportesLección de fútbol ao supercampeón de Europa en Balaídos

Lección de fútbol ao supercampeón de Europa en Balaídos

O Celta ponse primeiro por momentos en Liga.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Real Club Celta deixou sen ideas ao Atlético de Madrid, un Atlético que xa non se trata daquel conxunto humilde, senón dunha inversión multimillonaria do capital chinés, que pode pagar 20 millóns limpos nun ano a un dos seus xogadores, Griezzman, “por dar patadas a un balón”.

O que máis cobra no conxunto celeste, Iago Aspas, escudo do club, alcanza a duras penas, ou nin sequera, a décima parte. Así que o Atleti xa non pode dar por boa, nin Simeone nin os seus afeccionados, aquela declaración de ser un “equipo pequeno”, que heroicamente loita cos grandes.

Celta-Atlético de Madrid/ LaLiga Santander

Non hai nada que xustifique non pelexar co Madrid e o Barcelona. E comezaron ben a tempada, arrebatándolle precisamente ao Real Madrid, o seu eterno rival, a Supercopa de Europa. Mais na liga acaban de levar un bo pau, e son décimos cunha derrota, unha vitoria e un empate. En cambio, o partido de Balaídos terminou co Celta en primeira posición da Liga Santander, mentres non disputan a terceira xornada o resto de equipos.

O encontro comezou moi igualado, entrega e sacrificio baixo unha abafante calor. Antonio Mohamed vixiaba o bo papel do seu equipo tralas súas gafas de sol. Parecía un clásico Barça- Madrid en canto á intensidade despregada no terreo de xogo, o cal non impediu a aparición de certas xogadas de calidade, mais a contenda futbolística chegou ao seu ecuador sen ningunha intervención dos porteiros. Os escasos tiros foran escorados e non viron portería.

Celta-Atlético de Madrid/ LaLiga Santander

A pesar do esforzo celeste, finalizando a primeira parte parecía que comezaba xa a impoñerse a lóxica, e os atléticos encerraban pouco a pouco ao Celta no seu campo. Os 11 xogadores tiveron que empregarse a fondo neses momentos, para manter a orde e evitar que os atléticos chegaran con perigo.

Pero, para sorpresa do máis celtista, o guión, á volta dos vestiarios, cambiara totalmente. E o Celta, case sen decatarse, marcou dos goles, Maxi Gómez o primeiro, Iago o segundo a un centro do de Uruguai.

O dianteiro moañés dá por mala, unha vez máis, a decisión de Luis Enrique de non contar con el. Non só co gol, senón tamén na súa colaboración no xogo colectivo. É necesario fichar por un equipo de Champions para ser convocado na selección?

Griezzman, na súa chegada a Balaídos/ LaLiga Santander

Pione Sisto, que contra o Espanyol xogara un mal partido con constantes perdas de balón, e na segunda xornada fora decisivo para lograr a vitoria con intervencións de auténtico crack, nesta ocasión deu outra cara diferente e tivo que poñerse o mono de traballo, o cal de seguro tamén contentou a Mohamed.

En cambio, Emre Mor continúa o seu descenso ao abismo, que xa comeza a parecer inevitable. Non xogou un só minuto. A segunda fichaxe máis cara do Celta na historia, e polo momento a menos rendible, seguro.

O mozo chegado do Dortmund xa non é nin tan sequera o primeiro turco do equipo para Mohamed: entrou antes que el Okay, ese prometedor centrocampista con nome de contestación do Whatsapp, incorporado na presente tempada.

Celta-Atlético de Madrid/ LaLiga Santander

A ampla vantaxe do Celta tranquilizou un pouco o partido, que de tódolos xeitos non perdeu toda a emoción ata o asubío final. Incluso Cabral chegou a anotar un terceiro tanto, anulado tras empregar o VAR por un milimétrico fóra de xogo.

A polémica estivo de ámbolos lados. A favor do Atlético, o gol anulado a Cabral e que o árbitro descontara 7 minutos, de feito unha das ocasións máis claras dos madrileños chegou no 96 cun tiro de Griezzman.

A favor do Celta, dous posibles penaltis non pitados, sobre todo o segundo, que servirían aos do Cholo para recortar. En calquera caso, deron a sensación de non contar con demasiada dinamita arriba.

Afeccionados antes do encontro/ Liga Santander

Foi expulado Savic por unha man debatible na súa voluntariedade, pero o colexiado viña de perdoar a mesma pena ao seu compañeiro Thomas. Tristemente, acapararán máis portadas os erros do Atlético que as virtudes e o bo xogo amosados este sábado polo equipo celeste.

Como anécdota, que o Cholo recoñecera a superioridade dos de Vigo, algo non moi común por estes lares mais totalmente explicable: resulta que el e o adestrador do Celta, Antonio Mohamed, son amigos desde ben cativos. 

ÚLTIMAS

Xulgados de Vigo admiten a trámite as primeiras demandas de afectados por motores PureTech de Stellantis

A Asociación de Afectados Stellantis (Afestel) polos motores PureTech anunciou que os xulgados de...

Nova polémica no Pleno de Vigo tras aprobarse un novo programa de vivendas para familias vulnerables

A Xerencia de Urbanismo de Vigo aprobou este martes unha iniciativa para pór en...

Caballero atribúe a subida do recibo de lixo á “estafa” de Sogama: “Rueda débese crer que en Vigo somos parvos”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, censurou a "caradura política" do PP por pedir...

Zona Franca e UVigo asinan o novo convenio para a Cátedra Ardán, que incrementa o orzamento ata 960.000 euros

O delegado da Zona Franca, David Regades, e o reitor da Universidade de Vigo,...