Papá Noel chegará este Nadal ao Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) acompañado do famoso personaxe de debuxos animados Rayo McQueen (un coche de carreiras) e un grupo de moteiros disfrazados. O obxectivo? Sacar un sorriso aos meniños ingresados nos servizos de oncoloxía e pediatría que, lamentablemente, e polo tratamento ao que están sendo sometidos, non poderán pasar as festas na casa.
A idea parte de dúas amigas, ambas aficionadas ás motos, e xa con experiencia en temas de recollida de material solidario, que pensaron que este Nadal os nenos do Chuvi debían recibir un agasallo especial polo valentes que están sendo na loita contra as súas enfermidades. Así, animan a todos aqueles que queiran doar algo a facelo, habilitando para iso diferentes puntos de recollida.
Nesta ocasión, os xoguetes que se doen teñen que ser novos, pois tal e como explica María José Núñez, unha das promotoras da iniciativa, “estamos a falar de nenos de oncoloxía, que non poden verse expostos a xoguetes de segunda man polo tema de bacterias, virus e este tipo de cuestións”.
Aínda que considera que o feito de pedir material novo pode facer que haxa xente que non se anime a participar, confía en que ao final a iniciativa terá éxito. Pola súa experiencia, afirma que “hai máis xente solidaria da que se cre“. De feito, estivo implicada nas labores de recollida de roupa e alimento para familias que se viron afectadas hai anos polos incendios nas Neves, e “xa me coñecen e saben como traballo”.
Ademais, para os máis escépticos, defende que na súa páxina de Facebook estará todo publicado, como unha demostración de que as entregas se fixeron. “Tanto eu como a miña socia temos varios casos na familia de cancro, así que é unha enfermidade que nos tocou moi de cerca, polo que estamos tremendamente comprometidas“, resalta María José.
XOGUETES QUE NON LEVEN PILAS NIN INCORPOREN RADIOFRECUENCIAS
O día que lles adxudicou o hospital para realizar as entregas foi o próximo 22 de decembro, só uns días antes de Noiteboa, e dado a delicadeza do estado de saúde dos nenos, sacaranos á cristaleira para que vexan como chega o coche de Rayo McQueen (será o de María José tuneado) e o grupo de ‘papanoeles’ moteiros cargado cos agasallos.
O tipo de xoguetes que piden son aqueles que sirvan tanto para os máis pequenos como para algúns rapaces algo máis grandiños. “O neno máis maior que agora mesmo está ingresado en oncoloxía do Chuvi ten 14 anos, a maioría son máis pequeniños, polo que máis ben pedimos cousas para idade infantil, como peluchiños ou xoguetes de bebé, xa que sempre é máis doado darlle un peluche a un neno de 14 anos que un coche teledirixido a un pequeniño”, explica.
Tamén fai fincapé na necesidade de que non sexan xoguetes que leven pilas ou incorporen radiofrecuencias, pois “ao mellor a eles non lles van ben polo tratamento que están levando ou por interferencias que se produzan en máquinas do hospital”. Cousiñas simples, pequenas, non fai falla gastar moitos cartos para sacar un sorriso este Nadal.
O QUE SOBRE DESTINARASE A OUTRAS INICIATIVAS BENÉFICAS
O total de ingresados é de 60 nenos, mais tal e como explica María José, “contamos con 80, porque non sabemos cantos haberá ese día concreto, xa que os ingresos van e veñen”. A última hora, o que quede sen repartir ou ben se doará a outras asociacións que están a facer o mesmo noutros hospitais galegos ou ben se quedarán na sala de xogos do propio Chuvi para que tamén se beneficien de xogar con eles nenos que ingresen con posterioridade ao Nadal.
Os puntos de recollida previstos son: en As Neves na tenda Fel y Mar (Liñares) e na Librería Xes; en Arbo, nas farmacias, na gasolineira, na pastelería O Pazo, en Muebles 2000 e en Distelgroup (calle Marqués de Valterra, nº 21, baixo); en Ponteareas, no Gadis, no hipermercado Eroski e na xoguetería Don Dino; e en Salvaterra na tenda agraria Salvaterra e no bar Mordiscos.
Dende a organización aclaran que esta iniciativa é de Digna Domínguez “que sempre pedín privacidade”. Sinala que as persoas que aparecen na imaxe son amig@s moteir@s, “que somos os que o estamos facendo en colaboración con xente anónima e empresas que nos están axudando”.
Digna sinala que “Non se trata de falar de quen ou que si nos de para quen. Fai anos que intento levalo acabo e por mor da covid non se puido e este ano vaise poder levar acabo. si se quere ampliar información, habría que pasar por fel y mar e ver os colabradores e a xente que están aportando o seu gran de area. Eu non quixen prensa nunca porque para min son mais importantes os pequechos ca popularidade. O que quero decir con isto e que agradeceriavos que publicasedes a noticia pero non pa publicitarnos si non pa que colaboren . Todo o que levo recaudado e todo o que se leva entregado está todo posto no grupo e nas miñas redes sociais, igual que nos puntos de recollida. “