InicioMedio Ambiente e PatrimonioA Xunta interésase polo carallo de mar

A Xunta interésase polo carallo de mar

Mar destina preto de 210.000 euros ao estudo da bioloxía e xenética destes animais na ría de Vigo para a súa explotación comercial.

PUBLICADO O

- Advertisement -

carallo de mar, ou cogombro de mar, comeza a ser tido en conta en Galicia. O Consello da Xunta autorizaba hai unhas semanas a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería do Mar, a Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca para investigar a bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia (holothuria forskali) na ría de Vigo, co obxectivo de fomentar unha xestión sustentable deste equinodermo.

A esta acción de investigación a Xunta destinará 209.480 euros e estará vixente ata o 31 de agosto de 2020.

Esta investigación denominada ‘Estudo da bioloxía, status poboacional e diversidade xenética da holoturia (holothuria forskali) na ría de Vigo’ estará coordinada polo Centro de Investigacións Mariñas (Cima) da Consellería do Mar e, dentro del, o grupo de investigación Ecimat da Universidade de Vigo e Anfaco-Cecopesca realizarán diferentes traballos de investigación.

Así, a Universidade de Vigo estudará aspectos relevantes para a xestión pesqueira do carallo de mar, entre eles, a distribución espacial e a estrutura da poboación da especie e biomasa do stock comercial.

Tamén o seu ciclo reprodutivo, esencial para o establecemento de vedas; o crecemento da especie, necesario para coñecer a idade á que os individuos formarán parte da biomasa explotable, e a talla de primeira madurez, para establecer unha talla mínima que asegure o éxito reprodutivo da poboación. Para o estudo do ciclo reprodutivo recollerán mostras nas enseadas de Barra, Liméns e Cangas, o banco de maior extracción deste recurso.

Carallo de mar / cis.es

Por outra banda, Anfaco-Cecopesca estudará a diversidade xenética e a estruturación da poboación do carallo de mar mediante a secuenciación do ADN. Ademais, tamén se encargará da estimación dos parámetros da poboación, que serán de grande utilidade para o manexo das pesqueiras, como por exemplo, a estrutura xenética espacial e a diversidade xenética.

A información derivada do proxecto poderá ser utilizada no futuro para avaliar o mantemento da diversidade xenética no tempo, así como monitorizar os efectos das pesqueiras sobre este recurso pesqueiro.
Ademais, a través deste tipo de accións, establécense liñas de traballo cos axentes interesados na xestión deste recurso. Co obxectivo de asegurar o debido cumprimento do acordo, crearase unha comisión de seguimento composta pola vicerreitora de Investigación e Transferencia da Universidade de Vigo, polo secretario xeral de Anfaco-Cecopesca e pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro ou persoas en quen deleguen.

EXPLOTACIÓN RECENTE

A Xunta destaca que a explotación do carallo de mar é moi recente. O primeiro plan de explotación aprobouse no ano 2015 para a Confraría de Cangas e este ano 2017 existen cinco plans aprobados para as confrarías de Cangas, O Grove, Coruña-Barallobre, Aldán-Hío e Vigo.

Este convenio súmase ao que asinaron esta semana a Consellería do Mar e a Universidade de Vigo para estudar a variabilidade espacial do ciclo reprodutivo da navalla na ría de Vigo e a súa aplicación á xestión pesqueira, coa finalidade de promover un método de explotación baseado en información biolóxica obtida de forma continua.

O CARALLO DE MAR

O ‘holothuria forskali’ atópase na zona intermareal, a pouca profundidade, por baixo do 20 metros. Este equinodermo presenta unha forma vermiforme, dunha cor pardo-negrudo e ata 25 cm. de lonxitude e presenta unha superficie rugosa ao ter sete fieiras de tubérculos cónicos. Aliméntanse filtrando sedimentos do fondo mariño que introduce no seu tubo dixestivo grazas a 20 tentáculos.

ÚLTIMAS

Un vehículo choca con outro e resulta envorcado en Vigo

O barrio vigués de Teis rexistrou na mañá deste venres un accidente de tráfico,...

Abel Caballero asegura que pedirá a Sánchez adiantar os prazos do AVE Vigo-Oporto, porque seguirá “defendendo a Vigo contra quen faga falta”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, botou en cara ao xefe do Executivo central, Pedro...

Detidos os dous supostos autores dun roubo nunha empresa de enxeñaría de Teis, facéndose con material por valor de 21.000 euros

A Policía Nacional detivo en Vigo aos dous supostos autores dun roubo con forza nunha empresa...

Ciencia en galego, Youtubeiros científicos e os perigos das Fakenews no ciclo ‘Ciencia de ida e volta’

Coa celebración do Día da Ciencia en Galego e dos días mundiais da Vida Silvestre,...