O comité de Folga (CIG e UGT) dos Axentes Ambientais e Forestais de Galicia, en paro indefinido dende o pasado 1 de agosto para reclamar un acordo laboral que regule as súas condicións de traballo, convocou unha manifestación na defensa do patrimonio natural galego este mércores 22 desde a Praza dos Cabalos de Vigo, ás 19:00 horas.
Con esta marcha, que rematará a carón da estatua de Xulio Verne, na rúa As Avenidas, os traballadores públicos queren reivindicar tamén a labor de defensa e custodia dos nosos valores naturais que desenvolven no seu día a día, e reclamar uns servizos públicos de calidade, así como a dignificación e profesionalización dos axentes medioambientais e dos traballadores forestais.
Dende o colectivo de axentes ambientais e forestais fixeron un chamamento a organizacións ecoloxistas, comunidades de montes, entidades na defensa do medio natural e ao conxunto da cidadanía a participar na mobilización para reivindicar “un rural e un monte vivos, porque o noso medio ambiente pide axuda”.
No seu manifesto, denuncian que “a Xunta de Galicia, sen unha política forestal clara, dálle as costas ao patrimonio natural deste País. Os distintos gobernos do PP na Xunta de Galicia nunca puxeron en práctica o Plan Forestal, aprobado por consenso político alá polo ano 1992, nin está sendo quen agora de revisar, aprobar e por en práctica un novo plan que implique a posta en marcha dunha política forestal certeira e axeitada para Galicia”.

“Asemade, o acontecido o pasado 15 de outubro, como consecuencia dos aterradores lumes que asolaron parte do País, ten que marcar un punto de inflexión e facer recapacitar ó goberno da Xunta de Galicia. A combinación dun alarmante abandono do rural, escasa ordenación forestal e o reto do cambio climático está a provocar un novo e moi perigoso escenario onde xa non soamente son os bens de carácter forestal / ambiental os que corren perigo, é a mesma cidadanía deste País a que de facto corre perigo”, subliñan.
A súa denuncia defende que “o actual goberno da Xunta de Galicia, do mesmo xeito que non pon en valor os recursos naturais, despreza aos empregados públicos deste sector, negándolle sistemáticamente unha adecuada formación, habilitación de medios e regulación laboral para poder exercer, dun xeito adecuado, un servizo público de calidade
á cidadanía deste país”.
Os Axentes Forestais, funcionarios públicos da Xunta de Galicia, teñen asiganadas por diversas lexislacións de carácter autonómico e estatal as funcións de policía e custodia do medio natural, o control da xestión dos recursos cinexéticos e piscícolas de carácter continental, a xestión e ordenación dos recursos forestais e a concienciación en materia ambiental e da prevención e loita contra os incendios forestais.
Nesta última faceta, unha das súas funcións é a de exercer a función de Director Técnico da Extinción dos incendios, dirixindo e coordinando sobre o terreo toda a amalgama de medios das diferentes Administracións, entidades públicas e privadas que participan nas labores de extinción dun incendio forestal en Galicia.

“Por desgraza, o exceso de carga de traballo neste ámbito, que conleva un exercicio de alta responsabilidade e profesionalidade, non ten parangón con ningún outro homólogo a nivel
europeo”, subliñan os axentes forestais.
En folga indefinida dende o día 1 de agosto, están a exercela cuns servizos “mínimos abusivos e denunciados perante a Administración de Xustiza polas organizacións sindicais convocantes, xa que para o departamento de Medio Rural están tódolos integrantes do colectivo designados para cumprir servizos mínimos, sendo así conculcado o exercicio dun dereito fundamental”.
A orixe do problema, engaden, é que “os Axentes Forestais son “os do monte” e para o actual goberno o monte nunca foi unha prioridade. O actual goberno ten o monte abandonado, monte que supón as dúas terceiras partes do noso territorio e está chamado a ser un protagonista de primeira orde na calidade do noso medio ambiente e da nosa economía.
LISTA DE ACUSACIÓNS DOS AXENTES FORESTAIS Á XUNTA
• Nunca puxo en marcha o plan forestal nin nunca apuntou e apostou por unha política forestal clara e decidida de valorización do monte, do medio rural e do medio natural no seu conxunto.
• Non é un bo exemplo de xestión dos montes públicos e dos conveniados con Comunidades de Montes.
• Non axuda á dinamización das Comunidades de Montes menos desenvolvidas.
• Non promove a concentración e a xestión conxunta dos minifundios da propiedade privada forestal.

• Non actúa de oficio no establecemento de medidas de prevención contra os incendios forestais para a protección dos núcleos de poboación.
• Fomenta a economía do lume mantendo no dispositivo de extinción unha amalgama de medios pertencentes a diferentes entidades públicas e privadas en vez de dependencia única do Sevizo Público de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.
• Enrócase en non asumir a necesidade imperiosa de establecer novas estratexias, así como a preparación e interactuación, de todos os operativos de emerxencias nos grandes e altamente perigosos incendios forestais.
• Perda absoluta de rumbo naquelas políticas de conservación e custodia dos recursos naturais así como da biodiversidade dos nosos ecosistemas máis senlleiros.

 
                                    