InicioEconomíaUn xulgado considera "contrarios ao ordenamento xurídico" os servizos mínimos de Vitrasa...

Un xulgado considera “contrarios ao ordenamento xurídico” os servizos mínimos de Vitrasa decretados polo Concello

Segundo a sentenza, vai en contra das "esixencias de motivación e de proporcionalidade ás que debe aterse a fixación de tales servizos mínimos".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo estimou, en parte, o recurso interposto polo comité de empresa de Vitrasa, a concesionaria do servizo de autobuses da cidade olívica, ao considerar “contrario ao ordenamento xurídico” o decreto do pasado 18 de novembro ditado pola Alcaldía do Concello polo que se determinaron os servizos mínimos a prestar pola compañía durante a folga convocada a partir do día seguinte.

Tal como informaron fontes xudiciais, a resolución do Concello de Vigo, segundo o maxistrado, “limítase a facer unhas consideracións xenéricas sobre a esencialidade dos servizos públicos afectados e sobre a afectación dos mesmos por razón da folga”, pero sen ofrecer “unha motivación suficiente sobre a fixación, como servizos mínimos, do 60% da frota, todos e cada un dos días de paro”.

Isto, segundo a sentenza, á que tivo acceso Europa Press, vai en contra das “esixencias de motivación e de proporcionalidade ás que debe aterse a fixación de tales servizos mínimos”. Ademais, o maxistrado subliña no escrito que, de acordo co informe de Vitrasa, o transporte urbano de Vigo distribúese en 34 liñas regulares, o que asegura que “evidencia que non son todas elas homoxéneas: non posúen idéntico reclamo, nin provocan o mesmo impacto na actividade e desenvolvemento da cidade e dos seus habitantes”.

O maxistrado incide en que a resolución impugnada “penca de inconcreción e de suficiente discriminación á hora de definir os servizos mínimos”. Con todo, o xuíz desestimou a indemnización solicitada polos demandantes.

“Non é razoable que os días laborais se equiparen aos sábados, cando estes últimos non se corresponden con días lectivos e, na xeneralidade dos casos, tampouco son utilizados para acudir ao posto de traballo”, indica a sentenza, á vez que destaca que, en consecuencia, a porcentaxe da frota en servizo dos sábados tería que ser “inferior que de luns a venres”.

O maxistrado, ademais, sinala que a garantía do servizo das liñas que cobren os traslados ata e desde os hospitais tería que ser “matizada”, pois aínda que comparte a motivación de que, nestes casos, o dereito á saúde das persoas ha de prevalecer, entende que “tería que haberse aquilatado máis a prestación do servizo mínimo, expresando que as paradas correspondentes a centros hospitalarios constituirían puntos exclusivos e excluíntes; isto é, que no percorrido de ida só se admitiría a subida de viaxeiros (quedando prohibida a baixada entre paradas) e que, no de volta, só se permitiría o descenso de usuarios (quedando vedada a incorporación de cidadáns ao longo do percorrido de regreso)”. Contra a resolución cabe interpor recurso.

ÚLTIMAS

Ordenan prisión para o home que quixo queimar a casa da súa exmuller en Tomiño coa súa filla dentro

O xulgado de instrución número 1 de Tui acordou o ingreso en prisión provisional,...

Arremeten contra unha xornalista no terceiro intento de desaloxo da casa ocupada na rúa Pardavila

Unha muller que estaba a ser desaloxada dunha casa ocupada desde hai anos en...

A Asociación de Dano Cerebral Alento preparará a tortilla máis grande da historia de Vigo” polo seu 25 aniversario

A Asociación de Dano Cerebral Alento elaborará este sábado a tortilla "máis grande da...

O BNG levará unha moción ao Pleno de Vigo para pedir a condena das “accións genocidas” de Israel en Gaza

O grupo municipal do BNG no Concello de Vigo levará unha moción para o...