InicioSociedadeUn adestrador acepta dous anos de prisión por tocamentos a unha menor

Un adestrador acepta dous anos de prisión por tocamentos a unha menor

Non entrará no cárcere a cambio de non delinquir durante dous anos.

PUBLICADO O

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentencia este mércores na que condena a L.V.V.M. a unha pena de 2 anos de prisión por un delito de abusos sexuais a unha menor á que adestraba, e á que fixo tocamentos. A execución da pena de prisión foi suspendida e non terá que ingresar no cárcere.

Así, nunha vista de conformidade, a Sala resolveu condenar ao procesado a 2 anos de cárcere, así como á pena de inhabilitación durante 5 anos para desempeñar profesión ou oficio que implique un contacto regular con menores. Ademais, o tribunal estableceulle a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 5 anos.

Con respecto á responsabilidade civil, o Tribunal determinou que non hai lugar, posto que o acusado xa consignou 6.000 euros para indemnizar á vítima. Precisamente por iso, na sentenza aplicóuselle a atenuante moi cualificada de reparación do dano.

A Audiencia acordou, tamén coa conformidade das partes, suspender a execución da pena de prisión, de maneira que este adestrador non entrará no cárcere. A cambio, non poderá delinquir durante 2 anos e deberá someterse a un programa de reeducación.

FEITOS

Segundo o escrito de acusación pública, L.V.V.M. foi adestrador de fútbol feminino durante varios anos. Na tempada 2020-21 adestrou a un equipo integrado por nenas menores de idade, coas que se comunicaba a través dun grupo de WhatsApp.

A relación do acusado coas nenas e coas súas familias ía máis aló do ámbito deportivo, xa que o adestrador organizaba reunións tras os adestramentos ou partidos para tomar algo ou cear, ás que tamén acudían os pais das menores. Así mesmo, con frecuencia levaba no seu propio vehículo a xogadoras aos adestramentos.

O home empezou a interesarse de maneira especial por unha das nenas, de 15 anos de idade, á que preguntaba se tiña mozo ou que facía polas tardes, contactando con ela a través da aplicación Telegram. Nunha ocasión chegou a comentarlle que tiña que dicirlle unha cousa “que non era moi apropiada” e pedíalle que borrase as conversacións que mantiñan.

O 22 de xuño de 2021, o acusado envioulle mensaxes asegurando que lle ían a botar do equipo por non ter afinidade coa directiva e preguntándolle á menor se lle seguiría no caso de que se fose a outro club. Na tarde dese día, o adestrador recolleu á moza para levala ao adestramento e, cando ían os dous sós no coche, el agarrouna polo dedo meñique varias veces, aínda que a nena retiraba a man ao sentirse incómoda.

TOCAMENTOS

Na viaxe de volta, tras o adestramento, o acusado novamente volveu collerlle o dedo e, nesa ocasión, apoiou a súa man na coxa da nena e empezou a acariñala, sen darse conta de que a menor lle fixo unha foto co seu móbil. O acusado foi subindo a man, ata introducila por baixo do pantalón curto da nena e apartoulle a roupa interior para introducirlle os dedos na vaxina, momento no que a vítima lle apartou a man.

O adestrador dirixiuse a ela para pedirlle que non dixese nada, porque podería ir ao cárcere e ter problemas para seguir adestrando, aínda que lle propuxo volver tocala.

A menor contou o ocorrido á súa nai, que pediu explicacións ao aludido. Este envioulle unha mensaxe ao día seguinte, asegurando que non sucedera nada e que se xerou unha “situación rara pola confianza”, á vez que se lamentaba e pedía que non transcendese o ocorrido.

ÚLTIMAS

Rescatado o corpo sen vida dun home despois dun accidente co seu kaiak en Fornelos de Montes

Os Bombeiros do Porriño rescataron o corpo sen vida dun home tras sufrir un...

Máis de mil persoas de loito en Moaña para reclamar o regreso do PAC ao concello

Máis dun milleiro de persoas volveron a saír á rúa vestidas de loito no...

O PP vigués acusa ao Goberno local de non tomar nota por repetirse “os atascos monumentais” do pasado Nadal

O concelleiro do PP de Vigo Fernando G. Abeijón reprochou ao Goberno local que...

Arde un alboio en Gondomar sen que houbesen danos persoais

Un incendio calcinou por completo un alboio do lugar de Paraboa, na parroquia de...