Continúan as demandas por deficiencias no rastrexo de contaxios covid en Galicia. Logo de varias semana de suba continua de casos –e xa son case 14.000–, o servizo da corporación privada Abai queda cada vez máis en entredito, axexada polos testemuños de contactos estreitos aos que non se chama, persoas corentenadas sen PCR e criterios contraditorios na xestión xeral da pandemia.
A derradeira denuncia que vén de facerse pública xorde da Área Sanitaria de Vigo. O positivo dun alumno nun colexio de primaria vén de deixar en evidencia a “saturación” aqueixada polos propios rastrexadores, que como xa relatou o Galicia Confidencial, terían comezado a prestar servizo en toda Galicia con só dez traballadores para 2’7 millóns de persoas.
O caso comeza o pasado día 9 de decembro, xornada na que un alumno tivo que abandonar o centro tras dar positivo en covid. O primeiro problema chegou na demora en pechar a aula, da que dá conta Pedro, veciño da área de Vigo e nai doutra das crianzas do grupo burbulla. “O alumno deixa a aula o día 9, pero esta non se pecha ata o 15”, explica.
Como na bóla de neve que cae montaña abaixo, o desaxuste de datas estaría a xerar novas complicacións a esta familia. En principio, a rapaza, ao ser contacto estreito, debería gardar 10 días de corentena. Pero non está claro se cando deben comezar a contarse: se dende o momento en que o rapaz abandona a aula ou cando a mesma pecha. De acordo co pai consultado, a familia tería recibido a chamada dun rastrexador apuntando á corentena dende o día 9, mentres que outro se tería inclinado por tomar o 15 como punto de partida.
CONTRADICIÓNS ENTRE RASTREADORES
Neste panorama, o desaxuste imperante acentúase porque, como relata o mesmo veciño da área de Vigo, nin sequera teñen claro se a familia debe ou non gardar corentena xunto coa filla ou se, pola contra, poden seguir desenvolvendo vida normal. “Uns din que podemos ir traballar ao estar vacinados, outros que se o menor non está illado pois a corentena esténdese”, relata Pedro por teléfono.
Dende hai un mes, o rastrexo de caso covid en Galicia corre da man da empresa privada Abai Group, despois de que a Xunta lle adxudicara o servizo nun concurso criticado por outros competidores xa que a administración autonómica escolleu unha oferta “pero tecnicamente” pero máis barata. O resultado foi que esta compañía, dotada con case 14 millóns de euros da Xunta, comezou os rastrexos para toda Galicia cun equipo de só dez persoas, que logo tería aumentado nas semanas subseguintes.
PROBLEMAS NA TELEASISTENCIA
Con todo, as críticas á xestión autonómica da pandemia tamén son directas por parte deste pai da área sanitaria de Vigo, que critica o mal funcionamento do sistema Telea, esa plataforma de medicina a distancia anunciada hai case un ano pola Xunta para que as persoas en corentena puidesen facer un seguimento automático do seu estado sen saturar máis o persoal da Atención Primaria.
Pero tamén no Telea hai problemas. “Non nos é posible acceder á aplicación porque di que non estamos dados de alta”, explica a fonte, que detalla contar con Chave 365 e o certificado dixital de seguridade, fundamentais para empregar a plataforma. A cuestión está en que, ante o erro da plataforma ofertada polo Sergas, o sistema ínstaos a desprazarse fisicamente ata un centro de saúde para xestionar a alta, precisamente o mesmo que desaconsellou xornadas atrás o conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña.
A guinda que coroa o pastel vén dada porque, finalmente,os contactos estreitos do rapaz contaxiado no centro seguen sen ter recibido cita para as PCRs. A circunstancia deste colexio de Vigo senta un caso máis na crecente listaxe de denuncias contra a xestión dunha empresa acusada de botar man de apenas 200 persoas, segundo CC.OO.. A CIG calculou no seu momento que cos 13’8 millóns externalizados pola Xunta se poderían ter contratado máis de 7.000 sanitarios do Sergas para prestar o servizo.