O concelleiro do PSOE vigués Carlos López Font vén de respostar ás declaracións de Miguel Fidalgo (PP), nas que o edil do Partido Popular acusaba a Caballero de “facer un plan de emprego para beneficiar a amigos e reforzar a rede clientelar que teceu entre diferentes colectivos sociais, culturais e deportivos da cidade”.
Así, López Font acusou ao PP de estar directamente “en contra da creación de emprego”: “Agora o PP dedícase a insultar a todos os colectivos de Vigo que empregan á xente. É o deterioro absoluto do PP”.
Ademais, puxo en valor o plan de emprego do Concello, “que supón a concesión de axudas por valor dun millón de euros a un total de 72 asociacións que permiten a contratación de 200 traballadores”; así como “os miles de empregos que xera a política keynesiana” do goberno municipal.
“a empresa de vigo con máis persoal precario é o concello”
Fidalgo expuxera en rolda de prensa que o plan de emprego foi creado “para contrarrestar os malos datos do paro”, e que se trata, na práctica, “dun plan de esmola para diferentes colectivos, para telos contentos, a maior gloria do alcalde”.
O edil popular, nas súas declaracións, engadira que “a empresa de Vigo con máis emprego temporal, precario, a baixo custo é o Concello”, e aproveitou para recordar que o xefe do servizo de emprego do Concello de Vigo está imputado por prevaricación, malversación de fondos e falsidade documental, delitos polos que o fiscal pide sete anos de cárcere.Tamén aludiu a un informe de 2017 no que sinala a promoción de funcionarios “a dedo” na corporación local.
“este goberno municipal quere que a xente se divirta en vigo”
Polo súa banda, Font respostou que “a beneficencia e a xeración de paro é o sinal de identidade do PP, que esquece que no último trimestre en Vigo creceu o emprego. Non sei que interese ten o concelleiro do PP en ocultalo. A realidade é que a economía da cidade estase recuperando”, defendeu.
O concelleiro socialista, ademais,”sacou peito” do éxito que están a ter as festas municipais: “As festas e o bo estado da cidade están atraendo a miles de turistas que nos visitan, ocupando hoteis e xerando emprego”.

“Este goberno municipal quere que a xente se divirta en Vigo. Moléstalle ao concelleiro do PP que se celebren concertos gratis aos que pode ir todo o mundo? Moléstalle que houbese 100.000 persoas contentas no concerto de Maná? Ou o que quere o PP e que a xente estea encerrada nas súas casas ou en conventos de clausura?”, selou.