InicioSociedadeO xulgado avala o desaloxo da Federación Veciñal de Vigo para rehabilitar...

O xulgado avala o desaloxo da Federación Veciñal de Vigo para rehabilitar o inmoble onde está a sede

O goberno local lamenta que a entidade "leva meses obstaculizando" a obra.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo ditou sentenza na que desestima integramente o recurso presentado pola Federación de Asociacións de Veciños ‘Eduardo Chao’ de Vigo (FAVEC) contra a resolución da Xunta de Goberno Local que ordena o seu desaloxo do edificio da Praza da Princesa, que vai ser sometido a obras de rehabilitación.

A Federación Veciñal presentou recurso opóndose a ese desaloxo, ao considerar que podería manterse na sede do inmoble (no segundo piso), dado que as obras non van afectar a esa planta, senón ás oficinas dos Servizos Sociais, e argumentando que existe un convenio do 2005 polo que o Concello lle cedeu o dereito a usar esas instalacións durante 25 anos.

No entanto, o xuíz desestimou as súas pretensións e acolleu os argumentos do Concello. Na súa sentenza, o maxistrado expón que o edificio debe ser desaloxado no seu conxunto, aínda que as obras non se vaian a realizar en todas as plantas, para evitar riscos “reais” derivados dos traballos, tal e como expoñen os técnicos.

Así mesmo, sinala que esas obras, contempladas no plan ‘Vigo Vertical’, optan a financiamento europeo (o Concello aspira a pagar a metade dos 640.000 euros de investimento previsto con cargo a fondos FEDER) e que “non son un capricho municipal”, senón que responden a unha necesidade.

Nese sentido, tamén lembrou que a FAVEC foi requirida polo Concello para que abandonase a súa sede no prazo de dous meses, sen facer caso a ese chamamento, nin a requirimentos posteriores.

Finalmente, na súa resolución o xuíz apunta que a entidade veciñal está nunha situación de precarista, mesmo a pesar da existencia do convenio que lle cede o dereito a usar esa sede, e que, como non é un arrendatario, o Concello non ten obrigación de reacollelo.

VALORACIÓN DO GOBERNO LOCAL

A concelleira de Benestar Social do goberno vigués, Yolanda Aguiar, lamentou que a FAVEC “leva meses obstaculizando” unhas obras que son de interese público e que o propio xuíz cualifica como “absolutamente necesarias”.

Ademais, engadiu, “en calidade de precarista”, a Federación “nin sequera tería dereito a que se lle ofreza un local alternativo”, a pesar do cal, o Concello actuou con “xenerosidade” e propúxolle trasladarse a outras instalacións municipais, que a FAVEC rexeitou.

“A sentenza vén pór as cousas no seu sitio, a restablecer o dereito do Concello a realizar unha obra de interese público e que vai mellorar a calidade de vida dos vigueses e dos usuarios dos servivios sociais. Queda claro cal era a intencionalidade da FAVEC lendo o texto da sentenza”, resolveu.

ÚLTIMAS

Hospitalizado un mozo de 17 anos tras ser agredido con arma branca no Entroido de Hío

Un mozo de 17 anos, veciño de Vigo, tivo que ser hospitalizado na noite...

A Cátedra Ardán sitúa a Interfish España como un alicerce estratéxico para a economía

A Cátedra Ardán, impulsada polo Consorcio da Zona Franca de Vigo e a Universidade...

Detido un home en Vigo por agredir e romperlle o beizo a unha muller en plena rúa

Un home, H.J.R. de 40 anos de idade, foi detido o pasado sábado en...

Temor no sector naval pola escaseza de persoal cualificado

O secretario xeral de Asime, Enrique Mallón, valorou este martes o "bo momento" da...