Zona Franca trasladará a súa sede á zona portuaria de Bouzas o venres 26 de novembro

Será unha vez conclúan as obras.

O delegado do Estado na Zona Franca, David Regades. CONSORCIO DA ZONA FRANCA DE VIGO

A Zona Franca de Vigo trasladará a súa sede á rúa Areal, na zona portuaria de Bouzas, o vindeiro venres 26 de novembro. Será unha vez conclúan as obras de acondicionamento do edifico histórico que comprou a institución ao Concello en 2020.

Con todo, a mudanza completarase nos primeiros días de decembro co traslado dos servizos e o persoal, que se instalará no edificio anexo da rúa O Porto, onde tamén se realizaron traballos de mellora.

Ademais, unha vez todo o persoal estea na nova sede, Zona Franca organizará un acto de posta en servizo ao que asistirán o delegado do Estado na institución, David Regades; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Nese mesmo acto descubrirase a escultura ‘O abrazo’, de Andrés Conde, que se instalará no espazo público entre os dous edificios do Consorcio e cuxo deseño o autor doou a Zona Franca.

Máis tarde, en xaneiro, está programado un acto de inauguración oficial e nos próximos meses organizaranse visitas para que a cidade poida coñecer as instalacións e a reforma do histórico edificio. Estarán invitados colectivos do mundo empresarial, social, cultural e asociativo.

A nova sede na rúa Areal, que conta cun auditorio de 140 metros cadrados, está xusto fronte á primeira nave que Zona Franca tivo nesa zona do Porto cando naceu hai 75 anos.