InicioSociedadeFolga indefinida no mantemento de parques e xardíns en Vigo, e de...

Folga indefinida no mantemento de parques e xardíns en Vigo, e de recollida do lixo en Nigrán

PUBLICADO O

- Advertisement -

Os cadros de persoal dos servizos de mantemento de parques e xardíns do Concello de Vigo e da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias do Concello de Nigrán decidiron en asemblea convocar folga indefinida a partir do vindeiro xoves 26 ante o bloqueo nas negociacións dos convenios colectivos.

A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, compareceu este venres en rolda de prensa xunto á representación sindical de Althenia, concesionaria do mantemento dos parques e xardíns vigueses, e Cespa, concesionaria da recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán, para anunciar a medida adoptada polos traballadores “ante a actitude inmobilista das empresas á hora de pactar os novos acordos laborais”.

No caso de Althenia, explicou que as desavinzas entre a dirección e o comité derivan da suposta “chantaxe” que a compañía estaría a exercer sobre o cadro de persoal para lograr que os 10 traballadores subrogados do servizo de mantemento dos parques forestais acepten pasar da quenda de mañá para a de tarde durante dous meses a cambio de pagarlles os atrasos que lles adebedan: “Non imos consentir que aproveiten a situación para aplicarlles unha modificación substancial das condicións de traballo”, asegurou.

Ademais, criticou que a empresa supedite a sinatura do convenio a que estes empregados acepten estas novas condicións. “Atopámonos diante dunha chantaxe pura e dura, xa que se non aceptan non cobran os atrasos e non se firma o convenio, e se este non se firma o conxunto dos traballadores non verá actualizado o seu salario”.

Diante disto o cadro de persoal decidiu convocar folga indefinida, que conta co apoio da maioría do comité de empresa (con sete dos nove delegados da CIG), xa que CC.OO e UGT non subscriben a convocatoria.

Ao mesmo tempo, a representación dos traballadores solicitou a mediación do AGA e contactará co Concello para intentar desbloquear a situación: “Nós temos claro que se á empresa non lle interesa o contrato o que ten que facer é renunciar, pero o Goberno local tamén pode rescindilo unha vez que a empresa executou o 20% do servizo”.

Ao mesmo tempo, Fernández quixo deixar moi claro que a partir de agora o conxunto dos empregados reclamará os atrasos de 2016 e 2017, “xa que o anterior principio de acordo coa empresa de aplicar a suba salarial a partir de 2018 queda sen efecto”.

con respecto a nigrán

No que ten que ver co servizo de recollida do lixo e limpeza viaria e de praias de Nigrán, a secretaria nacional da CIG-Servizos, que estivo acompañada do delegado de persoal da CIG, indicou que se trata de retomar a folga que fora convocada con anterioridade e que permanecía suspendida despois de que Cespa renunciase a modificar as condicións de traballo.

Agora, as diferencias entre dirección e representantes sindicais prodúcense “porque a empresa négase a aumentar conceptos como a de antigüidade e a avanzar na equiparación das condicións laborais do persoal coas dos traballadores que prestan servizo noutros concellos da zona”.

Puxo como exemplo que un peón en Vigo cobra 1200 euros ao mes, fronte aos 907 de Nigrán, polo que reclaman unha suba salarial até os 100 euros. No caso dos condutores, sinalou que o incremento que demandan suporía pasar dos 950 euros actuais a 1050.

Neste senso, denunciou que a importante diferenza salarial “non se reflicte no que os cidadáns pagan polo servizo”, xa que no caso de Vigo abonan 86 euros e en Nigrán só 10 euros menos, “cando Vigo ten 568 traballadores/as e Nigrán unicamente 20”.

Tamén censurou o sistema de contratación no servizo nigranés, xa que a empresa ten un persoal contratado de xoves a domingo e outro de domingo a martes “porque deste xeito evita que os traballadores gocen de días libres e poidan cobrar os festivos”.

Finalmente, explicou que outras das reivindicacións pasa porque o persoal de verán que substitúe as vacacións traballe 90 días seguidos e que tres persoas que levan como fixas descontinuas dende hai tres anos a traballando unicamente nove meses ao ano “pasen a traballar todo o ano”.

ÚLTIMAS

Aínda queda xente honesta: unha persoa acha unha bolsa con case 2.000 euros e entrégalla á Policía Local

A Policía Local devolveu ao seu lexítimo dono unha bolsa que contiña case 2.000 euros e...

Caballero pregunta a Louzán se a exclusión de Vigo do Mundial 2030 foi por “odio” ou por “instrucións de Rueda”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu a acusar este mércores a Rafael Louzán,...

Deteñen por ameazas ao mozo que agredira a outro menor en Vigo en novembro

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, confirmou a detención por ameazas, este...

Un menor agredido en Vigo leva días sen ir ao insituto e recibindo ameazas, denuncian os pais

Os pais dun menor que sufriu unha agresión hai varias semanas en Vigo denunciaron...