A Asociación de Veciños de Coruxo tivo ocasión no último pleno vigués para reclamar o servizo de pediatría para este barrio, e non houbo grupo municipal que non apoiase esta iniciativa, dende Marea de Vigo ata Ciudadanos, pasando polo PSOE e a alcaldía. O propio alcalde advertiu de que as mobilizacións continuarán ata solucionar o conflito.
Polo momento, os veciños de Coruxo foron trasladados a Navia, onde dous pediatras sufren unha sobrecarga “de máis de cen nenos cada un”, segundo subliñou Eva Alonso, portavoz da Asociación de Veciños de Coruxo.
Atreveuse tamén a engadir que “o que queren é o peche do centro de saúde (de Coruxo) por completo”. O alcalde subliñou estas palabras, destacando como este problema afecta a cinco parroquias da cidade olívica, e responsabilizando á Xunta do acontecido.
Para Rubén Pérez (Marea de Vigo), todo o asunto enmárcase “na tónica xeral do que pasa cos servizos sanitarios”, asociándoo á privatización da sanidade. Pola súa banda, a popular Elena Muñoz defendeu “o apoio do PP ao mantemento do servizo de pediatría en Coruxo e do centro de saúde ao completo”, recoñeceu un “problema estrutural de pediatras” e lamentou que o tema está a utilizarse “como unha arma política”.