InicioSociedadeO Concello de Vigo terá que indemnizar con 22.700 euros a unha...

O Concello de Vigo terá que indemnizar con 22.700 euros a unha veciña que se lesionou ao escorregar nunha lousa rota

Previamente un informe do Consello Consultivo determinaba que a responsabilidade do sucedido correspondía, a partes iguais, tanto ao Consistorio, polo estado da beirarrúa, como á propia viandante.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado do contencioso administrativo número 2 de Vigo condenou ao Concello da cidade a indemnizar en algo máis de 22.700 euros a unha veciña que, en maio de 2016, sufriu unha caída tras escorregar ao pisar unha lousa rota na céntrica rúa Urzáiz.

Inicialmente, a sala fixara a indemnización na metade, aínda que posteriormente rectificou a sentenza a petición da demandante e emitiu un auto aclaratorio no que recoñece que a compensación ten que ser de 22.711 euros, dos que a metade xa foron abonados.

O proceso remóntase ao ano 2019, cando esta viguesa acudiu á vía administrativa para reclamar a responsabilidade patrimonial correspondente tras o accidente, que lle causou lesións e provocou que tivese que ser sometida a rehabilitación de longa duración. Aínda que inicialmente a administración local tratou de ampararse na prescrición dos feitos, acabou aceptando a reclamación e fixando a indemnización en 22.700 euros.

Ao tratarse dunha contía maior de 15.000 euros o Concello tivo que solicitar un informe do Consello Consultivo, no que se determinou que a responsabilidade do sucedido correspondía, a partes iguais, tanto ao Consistorio, polo estado da beirarrúa, como á propia viandante, por non prestar atención ás condicións do chan.

Precisamente, con arranxo a ese informe, o Concello reduciu á metade a indemnización, o que fixo que a prexudicada optase por acudir á vía xudicial, segundo explicou a avogada Ana Quiroga.

Na súa sentenza do 20 de xullo de 2021 (e no auto aclaratorio posterior), o xulgado do Contencioso Administrativo establece que a demandante debe ser indemnizada neses 22.700 euros porque, aínda que o informe do Consello Consultivo é preceptivo, “non é vinculante”.

O xuíz sinala na súa resolución que non hai “precepto legal que obrigue a camiñar con especial prudencia, con especial atención, empregando calzado cómodo e procurando manter en todo momento o equilibrio” por unha zona destinada aos peóns, e que tampouco hai probas para atribuír responsabilidade á prexudicada.

Así mesmo, tamén responde os argumentos do Concello sobre a entidade do dano da lousa, e lembra que os defectos existentes nos lugares de paso son máis perigosos canto menos ostentosos ou perceptibles resulten.

ÚLTIMAS

Vigo repartiu en 2025 máis de 3.500 axudas de emerxencia para atender a 8.870 persoas

O Concello de Vigo outorgou no ano 2025 un total de 3.548 axudas de...

O PP vigués acusa a Caballero de dar un “golpe fiscal” tras pechar 2025 con 200 millóns de remanentes

O grupo municipal do PP en Vigo denunciou o "machadazo fiscal" que levará a...

Vigo apagará as luces de Nadal o 11 de xaneiro e celebra os datos de ocupación

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este venres que o acto de apagado...

UGT denuncia unha “grave escaseza de persoal” na residencia Alvi Beade de Vigo

UGT Sanidade denunciou publicamente este martes a situación "especialmente preocupante" que atravesa a residencia...