Home Cultura Descubrimos o significado dos “cubos de Bouzas”: Minecraft, Picasso, matemáticas e a Alhambra

Descubrimos o significado dos “cubos de Bouzas”: Minecraft, Picasso, matemáticas e a Alhambra

0
Descubrimos o significado dos “cubos de Bouzas”: Minecraft, Picasso, matemáticas e a Alhambra
Popai/ Miguel Núñez

O francés Popay está a gusto en Galicia. Non hai présa por rematar o seu xigantesco mural de poliedros coloristas. “Cómese ben en Galicia, onte fun a un furancho e probei os callos, riquísimos”, recoñece. Por outro lado ten ganas de rematalo dunha vez e ir descansar ás termas de Ourense.

A súa inspiración son os contedores do porto que ve dende a glorieta de Bouzas na que pinta, ou se cadra a morea sen fin de coches da Zona Franca. E son inspiración os estucados da Alhambra, fórmulas matemáticas ou a estrela de David.

Tamén o seu pai, que foi arquitecto, e o seu fillo, que xoga ao Minecraft: “Poden ser casas, poden ser xogos de nenos”. Que agochará a súa obra?

Popay/ Miguel Núñez

A incerta procura do aleatorio (a obra crece en todas direccións), o pasado e mais o futuro, confrontados dende os mosaicos do Al-Ándalus ata o deseño 3-D. Só unha persoa díxolle que non lle gustaba a obra. Levaba por alí ao can para que mexara, e clamou “isto non me gusta nada, hai que borralo xa!”

O resto entende que un señor que leva case un mes pintando cubos non pode ser mala xente. Algún recoñece o mérito ata a pesar do seu malestar: “Eu non podo velo, que me mareo, pero está bonito”.

“Recoméndanlle” que pare xa, e termine dunha vez por todas cos seus cubos. Cada vez fainos máis e máis pequenos, semella a fábula matemática de Zenón e a tartaruga. Pero el é artista e ten un pouco daquilo da obsesión do xenio, así que se reclúe ata que a súa obra sexa perfecta ou infinita. A derradeira boquilla leva 356 cadrados ou os levaba cando o deixamos, alí segue.

Popay e a estrela de David/ Miguel Núñez

Todo comezou cun cubo verde, non sabe de que color será o último, que dende logo non chegará hoxe. Leva décadas no graffiti, comezou no 86. Máis de 30 anos ao servizo dos mundos nos que pode converter unha parede un artista coma el.

A súa arte mural chega onde a linguaxe non pode, como a música. De feito tamén toca a guitarra, estes días “non tanto” porque lesionouse no dedo conducindo un coche de choce nas festas de Bouzas.

Preguntámoslle cantos cubos leva en total: “Ya los cuentas y me dices”. Vai con truco: utiliza sprays case baleiros para que saia a pintura con menos presión e así elaborar formas tan pequenas como están a ser as derradeiras. Non reducirá máis o tamaño, que non termina nunca. Xa leva 25 días. 

Mentres, pensa en Picasso, é o seu pintor favorito: “Non inventou nada, pero mesturou cousas como ninguén esperaba, e as formas coas figuras, cada vez nun estilo diferente”.

Popay/ Miguel Núñez

O seu bosquexo era máis figurativo, pero foi abandonando esa concepción inicial co tempo, para que a xente se pregunte: que hai aí? Non leva reloxo e cando pinta perde a noción do tempo. É a teoría da relatividade, di: “Cando estás unha hora ao carón dunha señora, pasa moito máis rápido que agardando ao bus ou nunha lección do mestre”.

Pronto estampará a súa firma e un “VIGO 2018”. Está moi contento co trato aquí, tanto que pintou ata os tubos. Só quedan as fiestras como espazo inexorable. Leva 25 días pintando cubos porque sabe que hai algo agochado neles. Seica metafísica?

Popay/ Miguel Núñez

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here