InicioMedio Ambiente e PatrimonioUn vigués axuda a datar a época na que viviu o Aragosaurus...

Un vigués axuda a datar a época na que viviu o Aragosaurus grazas ao estudo das plantas prehistóricas

PUBLICADO O

- Advertisement -

Desde que comezou a cursar o Grao en Bioloxía na Universidade de Vigo no curso 2011-2012, Artai Santos López (Vigo, 1993) participou todos os veráns en escavacións paleontolóxicas, principalmente en Aragón e Castela.

Chegado o terceiro curso e baixo a tutela de Rafael Royo, o estudante vigués realizou as súas prácticas na Fundación Paleontológica Teruel-Dinópolis, onde tivo ocasión de escavar e estudar en Teruel a flora fósil do xacemento de Las Zabacheras para o seu Traballo Fin de Grao (TFG), que presentou no curso 2014-2015 co título Estudio del registro paleobotánico del yacimiento “Las Zabacheras” (Galve-Teruel).

Artai Santos nun laboratorio do Edificio de Ciencias do campus de Vigo / Duvi

Tres anos despois, e con novas achegas, froito de escavacións realizadas durante este período polos propios investigadores da Universidade de Vigo, da Universidade Nacional Autónoma de México e da Universidade Chuo de Xapón, xunto á Fundación Dinópolis, o TFG do estudante da Universidade de Vigo converteuse nunha parte do artigo científico Palaeobotanical records associated with the first dinosaur defined in Spain: Palynostratigraphy, taxonomy and palaeoenvironmental remarks, recentemente publicado pola revista Cretaceous Research.

“O meu TFG é unha parte do artigo científico que acabamos de publicar, concretamente o estudo da macroflora atopada en Las Zabacheras. Non obstante, foi necesario cambiar certas cousas e engadir outras, xa que un TFG ten unhas características diferentes ás que esixen as publicacións científicas”, explica Artai Santos.

Fotografía dun fronde de ‘Cladophelebis’ sp. / Duvi

Para este traballo, ademais da macroflora tamén realizaron análises palinolóxicos do xacemento, concretamente do nivel de Aragousaurus ischiaticus, o primeiro dinosauro definido en España, “permitindo xunto coa macroflora, unha reconstrución máis completa das comunidades vexetais que habitaba este saurópodo, do seu contexto ecolóxico e ambiental, así como unha datación estratigráfica máis precisa”.

Os resultados dos estudos dos fósiles de plantas publicados na revista científica céntranse en dous tipos de restos: 1298 mostras de graos de pole e esporas, que tras un proceso de mostraxe e separación do sedimento, estudáronse utilizando un microscopio electrónico de barrido, e 712 restos de follas de plantas, que se conservaron impresas nas rochas.

Esporas recollidas no xacemento / Duvi

Un Teruel do Xurásico-Cretácico “a pé de praia” hai 145 millóns de anos

A macroflora descrita en Cretaceous Research, que xa fora detallada polo investigador vigués no seu TFG, identifica fundamentalmente fentos leptosporanxiados, algúns como Eboracia lobifolia de porte arbóreo (fentos leñosos e grandes coma árbores), adaptados a temperaturas relativamente cálidas e elevados niveis de humidade nun sistema deltaico con influencia mariña, “polo tanto o Teruel do Xurásico-Cretácico estaría ‘a pé de praia’ e cun clima tropical-subtropical”, explica Santos.

Artai Santos traballando durante as operacións de reconstrución e restauración das pezas nos laboratorios da Fundación Dinópolis / Duvi

“Entre macro e microflora identificamos 49 especies botánicas diferentes, principalmente pteridofitas e ximnospermas, pero tamén atopamos un gran de pole de Tucanopollis, que é unha anxiosperma, as coñecidas como plantas con flor, que hoxe en día son o grupo dominante, pero que eran moi escasas no tránsito Xurásico- Cretácico”, detalla o investigador.

Precisamente o estudo desenvolvido polos científicos da Universidade de Vigo, xunto cos paleobotánicos Uxue Villaneuva da Universidad Nacional Autónoma de México e Luis Miguel Sender da Universidade de Chuo, e os paleontólogos de Dinópolis, tamén permitiu realizar unha datación estratigráfica máis precisa das comunidades vexetais que habitaba o Aragosaurus.

Fotografía dunha pinna de ‘Eboracia lobifolia’/ Duvi

“O último artigo publicado sobre este saurópodo defendía que a súa idade era Berriasiense tardío-Valanxiniense (Cretácico Inferior). Cos datos que achegamos, interpretamos que a idade máis probable é o Berriasiense basal, practicamente no límite Xurásico-Cretácico, hai uns 145 millóns de anos”, detalla Artai Santos.

Achega viguesa ao estudo da paleobotánica

Na provincia de Teruel, Bienvenido Díez e Artai Santos traballan en varios xacementos, de diferentes idades, no caso do primeiro, e nos do Xurásico no de Santos. “Nós estudamos fundamentalmente a macroflora e a palinoflora que permite, por unha parte, realizar a reconstrución das comunidades vexetais de cada momento, así como os contextos ambientais e climáticos, o cal é un gran máis de area para mellorar a compresión do pasado biolóxico e xeolóxico da Península Ibérica”, explica o estudante vigués, que defende a paleobotánica como unha magnífica ferramenta para realizar datacións.

Traballos de estracción dos fósiles de plantas no xacemento de Las Zabacheras/ Duvi

ÚLTIMAS

A parella interceptada en Nigrán con 20 quilos de heroína no seu coche acepta 6 anos de prisión

A parella interceptada en abril de 2023 en Nigrán (Pontevedra) cun cargamento de máis...

Confirman a condena a Hugo Mallo por abuso sexual á muller que facía de mascota do Espanyol

A Audiencia de Barcelona confirmou a condena ao futbolista Hugo Mallo por realizar tocamentos a unha...

Os sospeitosos de apoiar a unha banda de atracadores que actuaba en Portugal foron detidos en Vigo, Redondela e Pazos

Os catro sospeitosos de colaborar dando apoio loxístico a un grupo de atracadores que...

A Cooperativa de Armadores de Vigo cumpre 60 anos e reafirma o seu compromiso coa pesca sustentable

A Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI, celebrou este xoves cun acto os seus...