Portugal priorizará a alta velocidade no próximo período de fondos europeos, unha infraestrutura cun proxecto duns 900 millóns de euros e que prevé empezar polo tramo que une a cidade de Braga e a fronteira con Galicia.
Así o destacou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa ofrecida este xoves en Lisboa tras reunirse co primeiro ministro luso, Antonio Costa.
No encontro, conforme sinalou o máximo mandatario autonómico, ambos os políticos abordaron diversas cuestións, entre as que destacou a vertebración territorial. “Para ese efecto, agradézolle ao Goberno portugués e ao seu primeiro ministro a confirmación da prioridade ferroviaria entre Lisboa e O Porto, O Porto e Braga, Braga e a fronteira”, afirmou.
Ademais, puxo en valor o feito de que esta infraestrutura empece polo tramo que une a cidade de Braga con Galicia. “Estou convencido de que é unha gran decisión estratéxica de Portugal”, manifestou.
Segundo destacou Feijóo, este “tren de alta velocidade”, que unirá a Galicia e Portugal “para sempre”, permitirá unir “Vigo con Braga, Braga co Porto, e así ata a capital da nación portuguesa”. “Sen dúbida é unha conectividade que vai unir todo o eixo atlántico, desde A Coruña a Lisboa”, celebrou o presidente galego.
Este feito, segundo apuntou, obriga ás autoridades españolas a priorizar os seus investimentos coa fronteira portuguesa a través de “dúas grandes infraestruturas”. Así, en primeiro lugar, citou a conversión de Vigo en “estación pasante, cun proxecto duns 500 millóns”.
En segundo lugar, destacou a conexión da cidade olívica con Guillarei-Tui, un traxecto duns 30 quilómetros que permitirá “unir definitivamente por vía férrea a toda Galicia co norte e o centro de Portugal, ata Lisboa”. “É unha gran noticia para Galicia, para Portugal, para España e agradézolle moito esta confirmación, esta viaxe soa por esta confirmación xa valeu a pena”, celebrou.
PRAZOS
Preguntado polos xornalistas, o presidente da Xunta explicou que o prazo que se manexa é que se poida empezar ese proxecto no ano 2025, “unha vez finalizados os proxectos de construción necesarios”, co obxectivo de que “poida estar finalizado nos prazos dos fondos europeos“.
No encontro, tamén lle trasladou a Antonio Costa os “intereses de alcaldes galegos e portugueses” na zona de Vinhais e A Gudiña para “tentar mellorar as conexións viarias, tanto para vertebrar ese territorio como para utilizar a estación de AVE na Guidiña e poder así conectar cara a Galicia e Madrid as poboacións portuguesas fronteirizas”.