O congreso de investigación mariña ISMS arranca en Vigo defendendo a candidatura das Cíes

ISMS / UVigo

O VI International Symposium on Marine Sciences, ISMS, xa abriu as súas portas no Auditorio Mar de Vigo, onde durante tres días arredor de 500 investigadores “reunirán todo o coñecemento científico nacional e internacional dos distintos eidos do mundo mariño”.

Así o asegurou Belén Rubio, coordinadora o simposio e vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, este mércores 20 de xuño durante a inauguración do congreso. Rubio quixo destacar o importante crecemento deste simposio internacional ao longo dos anos, xa que duplicou o número de persoas participantes con respecto á edición de 2009, celebrada tamén en Vigo.

Dando un paso máis nese crecemento, por primeira vez o simposio aglutina seis congresos internacionais: o ISMS, o V Encontro de Oceanografía Física (EOF), o XIX Seminario Ibérico de Química Mariña (Siquimar), a XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas (Redibal), o International Science Conference do Campus do Mar (ISC CDM) e o workshop Patrimonio Cíes, impulsado e promovido polo Concello de Vigo.

“Que Vigo sexa a cidade de acollida deste evento é moi relevante, xa que o 40% da investigación de Ciencias do Mar nacional faise aquí”, subliñou Rubio, que recalcou que a cidade conta coa maior concentración de centros de investigación mariña e de empresas con unidades propias de I+D+i, así como cunha sede da Axencia Europea de Pesca, o que sitúa Vigo “no centro da vangarda da investigación mariña”.

Presentación do ISMS, con Caballero e Manuel Reigosa / UVigo

Ese mesmo aspecto foi tamén destacado polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, quen se referiu á sexta edición do ISMS como “un lugar perfecto para intercambiar ideas e para atopar futuros socios nun panorama no que cada vez ten máis importancia a colaboración europea para o financiamento de proxectos”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, quixo agradecer aos organizadores a oportunidade de celebrar un congreso internacional como o ISMS nunha cidade “que naceu no mar, vive no mar e que está namorada do mar” e sinalou a importancia que teñen para o concello vigués as institucións que traballan neste campo e que se materializou concedendo a Medalla de Ouro ao Instituto Español de Oceanografía de Vigo e a medalla de Vigués Distinguido á Facultade de Ciencias do Mar.

No acto de presentación tamén participou a directora xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Mercedes Rodríguez; a directora do Instituto Español de Oceanografía – Centro Oceanográfico de Vigo, Victoria Besada; e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, que fixo fincapé na importancia do simposio pola “investigación teórica, polo coñecemento posto en común, porque se poñen debates enriba da mesa e polas conclusións que os investigadores e investigadoras van sacar, pero tamén para facer chegar ao conxunto da sociedade o compromiso de defensa cos océanos”.

Tres días de congreso

O ISMS está promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía, e conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo, quen promove un workshop de investigación e debate científico para apoiar a candidatura do arquipélago das Illas Cíes como Patrimonio da Humanidade. Tamén conta coa colaboración da empresa de tecnoloxía mariña Oceomic e do laboratorio CIFGA.

Durante tres días danse cita investigadoras e investigadores de 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia.

Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos. Ademais, contará coas conferencias plenarias da botánica e algóloga Marina Montesor da Estación Zoolóxica de Nápoles; o investigador do Marum de Bremen Oscar Romero, que estuda os efectos dos cambios na biodiversidade e o clima sobre a función crítica dos ecosistemas mariños e dos ciclos bioxeoquímicos; a investigadora da Universidade de Lieja Aida Alvera, que traballa na implementación e validación de modelos hidrodinámicos 3D ou os investigadores Jorge Cortés, da Universidad de Costa Rica e Jörg Schéfer, da Universidade de Burdeos e Ricardo Torres, do Plymouth Marine Laboratory.

Aínda que ten un marcado carácter científico, o simposio tamén terá unha parte aberta ao público: a cidadanía poderá participar na mesa de debate ‘A muller e a ciencia’, que se celebrará o xoves 21 ás 19.30 horas, ou no workshop Patrimonio Cíes. Ademais, este mércores 20 o Concello de Vigo organizou unha recepción oficial para todos os participantes no parque de Castrelos.

Seis congresos nun

O ISMS é un congreso de congreso, de modo que ata final da semana se desenvolverán de xeito paralelo seis simposios. Por unha banda, no International Symposium on Marine Sciences, o persoal investigador exporá os resultados dos seus estudos en investigación mariña e o alumnado presentará os resultados dos seus TFG e TFM.

Por outra banda, o Encontro da Oceanografía Física 2018 está organizado polas universidades de Vigo, Las Palmas de Gran Canaria e Aveiro, o CSIC e o IEO e permitirá aos especialistas en Oceanografía Física española e portuguesa divulgar os últimos avances alcanzados e establecer sinerxías e unha rede de colaboracións.

A terceira cita é o Siquimar, o Seminario Ibérico de Química Mariña, que constitúe un punto de encontro entre científicos españois e portugueses que empregan a química e as súas ferramentas para o estudo dos procesos mariños.

Pola súa banda, Redibal, XIII Reunión Ibérica de Algas tóxicas e biotoxinas mariñas, busca a transferencia de coñecemento entre investigadores para enfrontar novos retos e futuros desafíos vencellados coas microalgas nocivas mariñas.

O quinto simposio é o ISC CDM. Campus do Mar ISC’18, organizado polo Campus do Mar da Universidade de Vigo, preséntase como un valioso foro para debater novos progresos en investigación, tecnoloxía e xestión mariña.

Finalmente, celebrarase un monográfico sobre a candidatura das Illas Cíes, que ten por obxectivo seguir apostando polo fortalecemento científico da candidatura das illas a Patrimonio da Humanidade, un dos piares e fortalezas do proxecto.

1 COMENTARIO

  1. É lástima que con tanta Ciencia ninguén teña tempo de medir os índices de depuración da EDAR do Lagares que verterá toda a merda de Vigo diante das illas Cíes sen que ninguén teña a máis mínima curiosidade polo tema! https://flic.kr/p/QpAGAj

    Un Congreso auspiciado polo Rectorado Amigo, cun alcalde que sigue a vender fume e que se celebra nun Auditorio que é un pozo sen fondo de cartos públicos! https://flic.kr/p/fkLLxj

    E xa que tanto falan do Mar de Vigo, lembrar que dende o mes de xullo os vigueses xa non imos poder entrar ás instalacións portuarias do Berbés sen “acreditación” (nunca vin outro roubo semellante en tan pouco tempo!)

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here