InicioSociedadeFalan desde a acampada máis longa da historia de Vigo: "Só queremos...

Falan desde a acampada máis longa da historia de Vigo: “Só queremos que a xente non durma na rúa”

"Se fora polos medios de comunicación, non estaríamos xa", subliñan.

PUBLICADO O

Un ano, tres meses e dezaséis días leva en pé na Praza do Rei a Acampada contra a pobreza. Un movemento no que “non hai política nin partidos”, segundo aseguran Juan Carollo e os seus compañeiros.  Non existen referentes históricos de concentracións reivindicativas que durasen tanto tempo. Están “en loita” tanto para pedir unha xuntanza co alcalde da cidade, Abel Caballero, como para denunciar a pobreza que esconde Vigo.

“A subdelegación do Goberno permítenos estar aquí sempre que non provoquemos altercados, así que se veñen a provocarnos temos que ter cintura. Chegaron a esnaquizar as tendas”, lamenta Juan. Son moi críticos cos partidos de esquerda; o PSdeG, que goberna o concello e a Marea de Vigo –integrada por Podemos e Esquerda Unida– ou o BNG, por non atender as súas peticións.

Dende a Acampada consideran que a súa historia está a difundirse non tanto a través dos medios de comunicación, senón de costa a eles, grazas ás redes sociais: “Algún aínda o trata un pouco, por intereses políticos, outros dedicáronlle o primeiro día unha minicolumna, e logo un ano de silencio… Hai ata quen insinúa que os medios locais teñen a orde expresa de non tocalo. Se fora polos medios, non estariamos xa”.

Acampaa contra a pobreza
David, activista da Acampada contra a pobreza, en primeiro plano /Miguel Núñez

Organizaron xa máis de 20 encontros culturais: “O tipo de acción que estamos facendo rompe coa dinámica doutros grupos. Moita xente viunos xa. Hai un colectivo de xente nova, ampla, que está acudindo aquí, que nos apoia”.

“NON ESTAMOS CONTRA ABEL”

“Cando ven a xente, nós explicamos todo dende a lóxica. Nunca dixemos que Abel está roubando, só que non mete o diñeiro onde o ten que meter. El di que quen durme na rúa é porque quere, di que está parando os desafiuzamentos, é mentira. Non estamos contra Abel e o seu equipo, senón en contra do que fai en política social, e pola dignidade das persoas”, aclara.

Recoñecen que “noutros sitios a situación será igual ou peor, pero polo menos calan e non din iso, que ninguén durme na rúa. É cuestión de estar concienciado.  ¿Podo dedicarme a adornar a miña casa e non dar de comer aos meus fillos?”

De tal xeito, consideran que “a responsabilidade da pobreza non é da Xunta nin de Caballero, senón do capitalismo, que si produces, xenial, e se non, pois iso; pero polo menos quedarse calado. Non lle podes dicir á xente que durme na rúa que hai prazas no albergue, cando queda tódolos días xente fóra. En 5 meses, entran todos os que estaban á cola media ducia de noites, e hai moita máis xente por alí. Logo o alcalde di publicamente que esta cidade é a mellor, que a xente está na rúa porque quere”.

Sin teito no asilo
Situación da xente que non ten sitio no albergue, refuxiados no asilo / Miguel Núñez

“Ademais habendo superávit. Esa é a cuestión. El inviste en obras e outros róubano, pero que máis dá”, denuncian: “Tivemos unha reunión coa concelleira de Benestar Social, e negouno todo. O 10 de xaneiro iamos ter unha reunión co alcalde. Irían Juan, Paco, María e Esther (avogada), e dixeron que con esta última non se sentaban, entón a xuntanza quedou en nada”.

“Os colectivos das 0NG, se están tan concienciados, por que non se manifestan? A xente pode saír da rúa se lles botamos unha man, non telos 10 días dentro e 10 días fóra. A unha persoa que durme na rúa hai que darlle seguridade, un sitio de acollida estable, non inestabilidade, non descoñecer se vai poder durmir nun teito ou non”, engaden.

GRAZAS A XENTE

Iso si, agradecen ser axudados por xente “que non coñecemos ou que non coñecíamos de nada. Unha muller tráenos tódolos domingos comida caseira, axúdanos tamén Suso de Dignidade…”

No ano 2016, Juan Carollo púxose en folga de fame na praza da Princesa e conseguiu a RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), un aluguer e solucionar o seu problema: “Eu vivín dous anos na rúa, e o alcalde dixo que quen estaba na rúa é porque quería. E estiven entón 5 días de folga de fame, cansado destas palabras. Déronme a axuda de emerxencia rapidamente por medo, porque son diabético e podía morrer e ser un escándalo. Cando por costume tardan uns 6 meses en pasar os papeis da RISGA á Xunta, tardáronse 3 días, así que pode facerse. Xente que non ten nin para comer, e están tardando medio ano en concederlle esta axuda…”

Activistas contra a pobreza
David, no asilo de Vigo, carentes de luz e auga e durmindo en tendas/ Miguel Nuñez

Máis tarde, el proporía ao colectivo facer unha acampada na praza. “Só pedimos que faga o que predica. Se di que non hai desafiuzamentos porque os para, pois que o faga. Está ademais creando fobia entre os cidadáns. Que somos os catro do barco de Coia e un xitano, ou políticos disfrazados, un demente… Suponse que non teñen acceso aos informes médicos, porque eses datos son confidenciais e intransferibles, pero a concelleira sábeo todo e chegou a dicir nun pleno que eu tiña problemas mentais, o cal é mentira”, asegura.

“NON HAI UNIÓN”

“Todos saen correndo, os colectivos sociais escapan. Non hai unión, os colectivos non están unidos, e supostos partidos que se supón que están cos desfavorecidos son os primeiros en lapidarnos  –di en alusión ao BNG ou Marea de Vigo–. Nós traballamos por un plan de emerxencia, un centro de inclusión, e dános igual a quen vote a xente. O anxo di: coidado, que isto é do demo, non o podes coller, iso si, eu non cho vou dar”, denuncia.

Activista contra a pobreza
David no asilo onde teñen parte do campamento contra a pobreza/Miguel Nuñez

“Aquí somos persoas, unha vez saiamos xa pertence cada un a quen pertence. Aquí viña dende o comezo unha Concelleira do PP porque eu a coñecía previamente, e xa falaban de que era polas eleccións ou por amolar ao alcalde. Criticas a esta señora porque ven, pero por que non ves ti? Aquí non se pecha a porta a ninguén”, engaden.

AXUDA DO PP

“Ninguén nos facía caso. Subín á planta dos partidos e En Marea estaba pechado e PP aberto, e axudáronme. De feito fixemos unha manifestación diante da delegación da Xunta e viu a concelleira do PP a manifestarse con nós. Pode parecer unha parvada, pero o outro día 500 copias, que eu non podería pagalas, fixéronolas gratis. E se a cambio pedira unha foto con panfletos do PP, pois rexeitaríao, pero non está sendo así o asunto”, conclúe.

Asilo sin teito .
Despois do incendio no antigo asilo un home sen teito recuperase do susto/Miguel Nuñez

Matilde Rivas, colaboradora coa acampada, pon en dúbida a crenza estendida de que non pode terminar calquera persoa á intemperie, ou na ruína: “Coñezo un caso dunha parella, que traballaban os dous, tiñan uns 22.000 euros aforrados e trinta e algo anos, quedou sen traballo el, logo ela, ese diñeiro durou 22 meses e porque non tiñan fillos. O banco deixounos sen piso. Na rúa pódese quedar calquera. Hai xente que ven durmindo a outros na rúa e non se inmuta, maniféstanse polo Celta. Estar na rúa tirado, que o resto da xente nin mire para ti”…

TAMÉN HAI ESCRITORES, AVOGADOS, ENFERMEIROS

Outro membro da acampada asegura que “no albergue estiven con escritores, avogados… A maioría con enfermidades físicas e mentais pero tamén hai quen, simplemente, tivo mala sorte. Incluso coñezo a un que estudou enfermaría”.

asilo
unha habitacion no interior do asilo/Miguel Nuñez

Na rúa hai moitos máis homes que mulleres, en comedores sociais a proporción será dun 90 por cento de homes. No albergue hai 8 prazas para mulleres e 30 para homes e hai máis cola para a de homes, pero a situación das mulleres na rúa é máis complicada”, subliñan tamén.

“Un día viu un policía e díxenlle”, subliña Rivas: “A vostede quítanlle a placa e o uniforme e pode chegar a estar con nós. Coñecín a un policía que traballaba nunha discoteca, estivo apartado 3 anos de emprego e soldo e non morreu de fame por pouco”.

Pobreza activista
Juan diante do concello/Miguel Nuñez

Paréceme que non vou volver a pisar unha igrexa na miña vida“, engade: “A relación que teñen co goberno, o espazo co que contan, e que non fagan ao respecto. A igrexa predica pero solo predica, para que a xente dea e quedarse unha parte. As institucións nada, os políticos nada, e pagámolos nós”.

“Dar un piso por persoa é imposible, pero ter un centro de inclusión… A xente complicada son os menos, e estando xuntos todos a policía non tería problema en controlar aos que son un problema, sería mellor para todos”, conclúen dende a acampada como o seu gran obxectivo.

Polo menos, non lles falta nin a paciencia nin o bo humor. A Juan fáltanlle oito dedos dos pés, no pé dereito non lle queda ningún: “É mellor, co tempo que se perde secando entre os dedos”, chancea.

ACTUALIZACIÓN: Os integrantes da Acampada remitiron un correo electrónico á redacción deste medio no que queren puntualizar algunhas cuestións que tamén xa publicaron na súa páxina de FB. Son as seguintes:

ÚLTIMAS

Asistidas un pai e a súa filla en Vigo tras producirse un incendio na súa vivenda

Dúas persoas, un pai e unha filla, necesitaron asistencia en Vigo este xoves tras producirse...

Emilio Sotelino ou a Asociación de Viúvas Demócratas entre os Vigueses Distinguidos 2024

O pleno de Vigo aprobou este luns por unanimidade nunha sesión extraordinaria os novos Vigueses...

O goberno de Vigo aproba o marco orzamentario ata 2027 e prevé investimentos por valor de 33 millóns cada ano

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o goberno local aprobou o marco...

Pechados parques e espazos arbóreos da cidade de Vigo debido ao temporal

O Concello de Vigo restrinxiu por seguridade o acceso aos parques e espazos arbóreos...